Velaquí a bandeira nacional de Nunavut, as cores branca, vermella amarela e azul representan a Terra de Nunavut. A estrela do lado superior dereito é a Estrela da Noite (Niqirtsuituq) que guía ás embarcacións inuit, e o símbolo do centro é unha enxebre construcción megalítica da cultura inuit que é tamén guieiro de camiñantes cando a terra esta cuberta de neve.
Nunavut non é Tagen Ata nin Macondo, mais ten do pobo o alento e a labarada dos ceos boreais con acento inédito.
“A nosa Terra”, Nunavut en lingua inuit, está composta por 9 grupos étnicos inuit que se adican esencialmente á caza, á pesca e á industria da pel. Os inuit son o pobo autóctono das terras árticas do mundo. Os seus dominios realmente percorrerían desde as zonas máis finistérricas de Siberia, até Groenlandia, pasando por Alaska, Canadá, e Québec. Falamos pois dun pobo adaptado as condicions máis estremas do planeta e que alberga no seu seo 5000 anos de historia impermeábel aos anceios colonizadores dos imperios. Ancorados nas súas crenzas os inuit mostraron ser un pobo fidel aos seus pilares culturais cando os europeus chegados ás terras do Canadá tentaron introducir a Biblia entres os poboadores inuit. A conflitiva resposta déuse non só no relixioso senón tamén na defensa do seu idioma o inuktitut fronte á educación formal imposta polo gorberno do Canadá. Mais da presenza do “home branco” , qallunaat en inuktitut, ficaron as epidemias que reduciron en dez veces a poboación inuit dos teitos boreais. Malia o xa comentado, a presenza dos descubridores non chegou a algunhas zonas inuit até a década dos vinte do século pasado.
Pero o grande cambio político do que estamos a falar, que é o nacemento de Nunavut comao grande territorio autónomo do Canadá, foi un proceso que se estendeu desde o ano 1970 até o ano 1999. Velaquí a folla de ruta:
1971 o pobo constitui o Inuit Tapirisat (xermolo do actual goberno autónomo)
1973 fállanse 3 sentencias xudiciais a prol dos dereitos históricos do pobo inuit sobre a súa terra
1976 apreséntase a Proposta Nunavut ao Goberno de Ottawa e escomezan as negociacións para lles otorgar terras aos inuit
1982 a maioria dos habitantes do actual territorio de Nunavut votan afirmativamente a separación administrativa do Canadá, feito polo que o goberno inicia o acordo condicionado á creación de Nunavut.
1992 (maio) os poboadores inuit votan positivamente a segregacion de Canadá
1992 (setembro) os negociadores do goberno central e os inuit fechan un acordo sobre o reparto territorial
1992 (novembro) o 84.7% dos poboadores de Nunavut ratifican en referendum o acordo para o reparto de terras
1993 o goberno de Canadá promulga a Lei Nunavut e o Acordo para a Concesión de Terras a Nunavut.
1999 (febreiro) celébrase a primeira Asemblea Lexislativa de Nunavut
1999 (abril) Constitución de Nunavut.
Desde os primeiros acordos entre os xefes inuit e o goberno do Canadá foise estabelecendo un proceso de rexeneración territorial do pobo inuit, constituindo diversas divisións territoriais por materia alimenticia (tal e como marca a economía autóctona dos inuit). E culminou na aprobación da Consitución de Nunavut o 1 de abril de 1999.
O Acordo para a Concesión de Terras a Nunavut xirou darredor da varios eixos:
· Concesión de 1.1 millóns de dólares a pagar entre 1993 e 2007 (como trato compensatorio por parte do Estado que será o pagador subsidiario)
· Dereito sobre 355.842 quilómetros cadrados de terra en posesión, 1,9 millóns de quilómetros cadrados de asentamento inuit, e 35.257 para a explotación mineira.
· Reparto proporcional da representación indíxena en relación á súa representatividade poboacional (85%)
· Participación nos beneficios provintes das materias primas existantes no seu territorio e baixo o contro do Estado
· Criterios de representación gubernativa dos inuit nos órgaos locais de Nunavut (máis de 700 na actualidade)
· Garantir o modelo educativo inuit así como o acceso ao mundo laboral en igualdade de condicións para a poboación indíxena.
Acutalmente, Nunavut ten darredor de 30.000 habitantes dos que un 85% son inuit, sendo unha poboación especialmente xove (o 60% dos seus poboadores ten menos de 25 anos), e é gobernado polo ITK (Inuit Tapiriit Kanatami), un partido nacionalista cunha liña política baseada no etnicismo e nunha ampla presenza da muller entre os seus membros. O goberno autónomo xestiona o 95% dos seus recursos económicos (non así os minerais), pero o modelo de Nunavut constitui unha especie de Estado de Libre Asociación ao Estilo de Porto Rico (ou ao estilo do plantexado no Plano Ibarretxe para a reforma do Estatuto Basco).
Dentro do mesmo estado, no Québec os inuit contan cos diversos asentamentos dentro do Noroeste da Península do Labrador. Québec recoñece 11 nacións dentro do seu territorio. Son 11 nacións autóctonas entre as que se contan asentamentos dos indios mohawk, furóns, algonquinos, e tamén inuit (entre outros). O espazo autóctono dos inuit do Québec é Nunavik, e é recoñecido oficialmente polo Québec como nación dentro da súa Carta dos Pobos Autóctonos.
Que a forza dos pobos boreais exerza de polo senlleiro para este norte que guíe o compás dos pobos aboríxens deste planeta. Unidade para o pobo inuit, terras para os da terra, pobos para os que desexamos liberdade e vitorias para dictar xustiza diante da historia.
Saudos!
amautacastro@hotmail.com
Girona, 09/07/07