Palabras de Amauta

Sunday, July 22, 2007

EL JUEVES, CHÁVEZ E A DISTORSIÓN XURÍDICO-MEDIÁTICA




O grave suceso do secuestro da última edición do semanario humorístico El Jueves da man do xuíz Del Olmo e do Minsiterio Fiscal (dependente do Goberno Central) é motivo desta modesta entrada no meu blogue.
Unha pequena e recente retrospectiva histórica sobre o asunto acláranos que a liberdade de expresión no Estado Español está baixo unha constante vixiancia e supeditada porén ao control e supervisión exercidos polos poderes do Estado.
Desde o feche do diario Egin, o secuestro do video de Ardi Beltza (“Xornalistas o negocio de mentir”), o encarceramento de Pepe Rei, o feche de Euskaldunon Egunkariak, a suspensión de emisións de TV3 no País Valencià por decisión xudicial; até a xa coñecidísima caricatura de El Jueves. Exemplos do funcionamento do aparello xurídico deo Estado que están a sobrepasar á caste política da esquerda (tanto nacionalista como estatalista) que acusa nestes intres unha forte desmobilización que se fai patente máis se cadra.
Máis alá, a reacción alterna –ou máis ben a suposición da mesma- por parte do resto de medios de comunicación é inexistente. Nin El Mundo, nin El País, nin La Vanguardia se atreveron a tirar dos seus prelos a imaxe caricaturizada que é protagonista destas liñas. Si, eses mesmos medios que dispuxeron nas súas edicións das archicoñecidas caricaturas de Mahoma (aparecidas hai tempo nos medios escritos de Dinamarca) non dubidaron en facer silenzo ou en calificar nas súas crónicas o traballo editorial de El Jueves con diferentes zafiedades.
Por outra banda, o mundo da xudicatura (do que pouco cabe agardar) que carregara violentamnete contra o mundo da esquerda abertzale con todos os medios ao seu alcance, fixera tamén hai poucas semanas a través do “voceiro da tolerancia” ou sexa do Sr. Garzón unhas declaracións que non fan máis que afondar no pasado tendencioso do poder xudicial español. Dese pasado no que poderiamos incluir os diferentes feches de Hermano Lobo ou La Codorniz, precursores humorísticos de El Jueves, e que xa foran a cotío fechados pola ditadura militar. Tratábanse digo, dunhas declaracións de Garzón darredor da retirada da licencia de emisión en Venezuela de Radio Caracas Televisión (RCTV). Garzón, paladín do ananismo servil da “normalidade democrática” deixounos unha frase para a historia: “Cerrar RCTV es un ataque a la libertad de expresión”. Agardecendo, evidentemente con ironía, a fermosa perla garzoniana quero puntualizar que o caso de RCTV foi un episodio de dignificación revolucionaria de Chávez e do seu goberno. Non é o mesmo, non o é, fechar un medio de comunicación ao servizo do golpismo e da plutarquía venezuelana (agora en crise) que dramatizar unha portada dibuxada na que se amosa unha ficción humorística dándolle a cambio unha pena de prisión de dous anos (iso é o que piden) ao seu autor. Non é o mesmo quitarlle a licencia a RCTV que ter e manter en antena a cadea COPE que apoia a revisión histórica do golpe de estado do 36, a persecución dos dereitos dos homosexuais, e que sustenta ideoloxicamente o apartheid verbo das minorías políticas do Estado. Pois xa digo, até a propia democracia-cristiana catalá (nada sospeitosa de estremismo) se plantexou a eliminación das emisións da COPE no seu territorio durante o último mandato de Jordi Pujol.
Finalizando, o Estado Español reprime e secuestra, a esquerda é incapaz de respostar e mobilizarse, e os medios e o aparello xurídico sérvense dun dobre criterio para as súas presións políticas sobre o alterno.
Desexo pois, que o prezo dos que plantexamos a liberdade en todas as súas formas non sexa a incautación sumaria das nosas ideas. Desexo pois, que a expresión democrática do ridículo siga a encher as páxinas de El Jueves, pois desde a realización manifesta da comedia o inimigo se cadra é máis pequeño.

amautacastro@hotmail.com
Girona, 23/07/07

0 Comments:

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis