Palabras de Amauta

Sunday, July 01, 2007

MILITARISMO E INMIGRACIÓN



É ben sabido, que hai unha longa historia de loita contra o militarismo español en diversos puntos do Estado que vai desde o rexeitamento ás quintas obrigatorias para ir á Guerra de Cuba até os últimos insubmisos ao exército español que foron xulgados tanto en Galiza como noutras partes do Estado.
Deste proceso resultou a vitoria parcial de non termos que ir a filas obrigatoriamente. A fin do servizo militar obrigatorio non significou a fin do noso militante antimilitarismo.
É por iso, que despois da xa coñecida nova do pasado 28 de xuño na que varios militares españois morreron nun atentado contra o blindado no que circulaban, moitos decidímonos a afinar a nosa crítica agora diante dunha situación que por nova non é menos puníbel.
Tres dos devanditos soldados, militares profesionais todos eles, eran cidadáns de Colombia. Hai anos xa que nas FAS é permitido a entreda de cidadáns non-españois que pertenzan ao”espazo histórico” (sic!) da hispanidade ou das ex-colonias españolas (caso de América Latina ou Guinea-Ecuatorial). Desde aquela, as campañas véñense centrando na entranda de diferentes colectivos “minoritarios” dentro das FAS caso dos inmigrantes ou as mulleres.
Pois ben, desde 2002 as FAS teñen un colectivo inmigrante que está arredor do 9% do total dos profesionais que integran o exército. Neste caso, o 9% aumenta en situacións de guerra até un 30% (nas zonas do Líbano e do Afeganistán), superando ao caso do exército ianqui que en zonas de guerra chega a ter até un 17,5% de cidadáns estranxeiros dentro das súas tropas. Sendo, no caso español, Colombia e Ecuador os países máis presentes en conflito (até un 80% dos estranxeiros en situación de guerra son deses dous países).
España utiliza aos estranxeiros como “material de guerra”. Bens que se poden perder, que poden causar baixa, e que probabelmente se esquecen co simple paso dos días (ou é que alguén os lembra despois da ameaza de bomba de Eivissa?).
España non nos dá datos sobre este colectivo. Non sabemos cantos inmigrantes acceden á súa nacionalización pola “vía rápida” despois de pasaren polo exército. Non sabemos cantos “defenden” o noso territorio, non sabemos cantos teñen que marchar a “misións de paz”. Pero sí, eles así o elexiron (tampouco se lles pode quitar responsabilidade no asunto).
É tarefa nosa, alí onde esteamos, mostrarlles aos inmigrantes a realidade que nós mesmos desprezamos no seu momento e que tanto padecemento nos trouxo. Eu propoño, recollendo o espírito histórico da nobreza, que sexa a Familia Real a que vaia ás guerras que nos quedan polo mundo adiante. Que así sexa.

amautacastro@hotmail.com
Girona, 02/07/07

0 Comments:

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis