OSER INVENTER L’AVENIR (CAPITÁN THOMAS SANKARA, PRESENTE!)
Teñen ese ollos de ferro preto un aceno de sabedoría inabarcábel que inda me deixa os días enteiros na reflexión sobre a persoa á que se refire este artigo e esta fotografía.
Pois ben, é co gallo do viséximo cabodano do revolucionario burkinabé Thomas Sankara (o xa esmentado home da foto) que me decidín a falar ben polo miúdo deste grande patriota e mártir.
Nacido no seo dunha familia cristiana do antigo Alto Volta (actual Burkina Faso), o xove Thomas Sanakra pensara na súa mocidade ordearse sacerdote. Pero a desastrosa realidade do país obrigou ao que logo sería senlleiro presidente a ingresar no exército. Froito do seu alistamento foi un encontro que marcaría a súa vida: o do antiimperialismo. Dentro da súa formación militar, Thomas Sanakara viaxa a Madagascar onde se aliña coas diferentes loitas nacionais malgaches que agromaran daquela. É por iso, que inspirado no acaecido en Madagascar e na figura de Gadaffi funda o Grupo de Oficiais Comunistas do Alto Volta.
Na súa volta a Burkina Faso é engaiolado polo rexime de Ouedraogo e liberado polo seu compañeiro Blaise Compaoré (que máis tarde se encarregaría de derrocalo e asasinalo). Á súa saída de prisión, Thomas Sankara era xa coñecido polo seu voluntarismo na axuda contra as sequías e na loita contra a corrupción, fito que lle axuda a dar o coñecido como Golpe dos Capitáns ,en agosto de 1983, no que accede á xefatura do goberno.
É á súa chegada ao poder que Tom Sank (nome co que se lle alcumaba ao Capitán Sankara) comeza unha longa loita polo cambio social e político de Burkina Faso baseada nun forte anticolonialismo. Sankara foi o ideólogo dunha chea de medidas de tipo nacional orientadas a reatopar a verdadeira ánima do pobo burkinabé.
Sankara cambiou o hino oficial e o nome do país para lingua africana (Burkina Faso, Terra dos Homes Íntegros). Fixo amplas campañas de vacinación (os chamados Comandos de Vacinación). Potenciou o uso de produtos propios do país coa campaña “consume burkinabé”. Iniciou unha loita contra a desertización do país cun meditado proceso de repoboación forestal. Construiu un grande número de hospitais e escolas nun país onde o 82% da pobación era analfabeta e onde Sanakara acadou que a cota de alfabetización superara á de analfabetos. Liquidou os fortes impostos que había para os produtores agrícolas coa finalidade de encetar unha reforma agraria que dotara de autosuficiencia alimentaria ao país. Creou os tribunais populares que loitaron amplamente contra o caciquismo e a corrupción. Burkina Faso convertiuse no primeiro país da africa subsaariana que potenciou a liberación da muller, atacou a tendencia poligámica, prohibiu a ablación e introduciu a muller no eido político. Comprometeuse en axudas ás construcción de vivendas. Promocionou centos de escolas rurais. Comprometeu ao seu goberno en dotar a cada burkinabé de dúas comidas ao día e 10 litros de auga. Suprimiu os poderes dos xefes tribais. Creou os Comités de Defensa da Revolución (CDR) que artellaron un novo poder do Estado, lonxe dos ollos do militares. E para fechar a enumeración, Burkina Faso foi o primeiro país africano en ter un Plano Integral de Control da SIDA.
Pero todo isto, e daquí veñen os males que agora relatarei, foi en vano porque o 15 de outubro de 1987 ttras 4 anos de goberno revolucionario, Blaise Compaoré –antigo compañeiro de Sankara- lidera un golpe de estado contra o presidente. Tralo complot Sankara é asasinado. Nada novo, un golpe máis na historia da África Negra, pero será que Thomas Sankara (ese Che Guevara á africana) deixou tanto na conciencia de moitos de nós que inda non esquecemos?
Anos depois da devandita trama contra Sankara, un grupo de avogados de diversas nacionalidades agrupados baixo o nome de Xustiza para Sankara e con sé en Montreal presentaron unha demanda ante a Comisión de Dereitos Humanos da ONU. Demanda na que se culpaba ao actual goberno burkinabé (que desde 1987 preside Blaise Compaoré) do asasinato de Thomas Sankara. A ONU resolveu favorabelmente ás pretensións de Xustiza para Sankara, impoñendo ao goberno de Compaoré unha serie de medidas inda incumplidas polo executivo burrkinabé. As devanditas medidas son as que seguen:
· Indicar o lugar exacto da morte de Sankara
· Modificación da acta de defunción de Sankara, onde se apunta inda hoxe que a súa morte foi “por causas naturais”
· Poñer en marcha un procedemento xudicial para pescudar e resolver as causas do asasinato de Sankara
· Esixir ao goberno de Burkina Faso unha democratización do Estado coa finalidade de que os devanditos feitos non volvan producirse
· Indemnización para a viúva e os fillos de Sankara
Lembrar o legado político do Capitán Thomas Sankara é louvar a figura dun grande loitador polos dereitos dun pobo oprimido. É por iso, que diante dos case 20 anos da súa morte, intelectuais de diferentes países están a mobilizarse a apostar pola recuperación da figura de Sankara. Nós, patriotas de países asulagados pola furia dos imperios debemos ser ponte de irmandade co pobo burkinabé e coa figura deste Capitán de África, que ao modo doutros (Cabral, Agostinho Neto, Machel, Nasser...), é semente de alborada e pedra angular dos comezos redentores que se saben en rebeldía.
Todo o poder para eles...Atrevámonos a inventar o porvir!
amautacastro@hotmail.com
Girona, 22/06/07
Máis información en...
http://www.thomassankara.net/
www.freewebtown.com/thomassankara
1 Comments:
Sempre tiven unha certa curiosidade por aquel país de selos peculiares que eu manexaba de rapás. Contrariábame que Alto Volta fose tamén Burkina Faso. Un día o meu pai contárame algo dun desembarco dos americanos aló.
Agradezo que deites luz sobre temas aos que outros non chegamos por vieiros propios, polos teus facémolo gostosos.
Post a Comment
<< Home