Palabras de Amauta

Tuesday, April 17, 2012

FUNDAR UN VRAN (AUTOMANIFESTO)






Amauta Castro é un Eu que se asenta nos versos dos meus poemas - unha tentativa de abrirse á autocomunicación - unha ficción da linguaxe - un medio desesperado de supervivencia






O exilio voluntario foime preciso para idear un distanciamento (para min sempre imposíbel) - Migración = movimento / Exilio = estado humano = ausencia






A poesía é un contradiscurso en relación inmediata coa expresividade - un pasar do silenzo orixinal á palabra






O poema realízase como texto - a oralidade é unicamente reminiscente porque o texto pode ser impronunciable - este libro non ten ritmo porque non é un canto / non hai pentagramas nestes muros - Na medida en que a poesía inicia un distanciamento do oral hai unha independización do concepto de creación e recepción dos versos






A poesía cuestiona o modelo global de produción - é unha linguaxe inmediata das cousas / non se diferencia do natural / non é un ben de consumo - a propiedade artística debe ser unha eira colectiva onde o valor de uso da arte estea por riba do valor de posesión - a poesía é un reduto externo á comercialización / Quizabes é por iso que é a única produción enteiramente libre






Atopo que hai unha insuficiencia / inoperancia dos modelos rotinarios da escrita - o hábito é un aceno repetido / e como consecuencia as enrugas - Debemos encetar logo unha poesía da motivación / contra todo principio de arte pola arte / contra toda indiferencia - de costas á sociedade das louvanzas - que adquira o recoñecemento a través da lectura - o poema viría entón determinado polo representado - autor/a = representación = lector/a






A poesía é unha totalidade crebada - un fragmento - as partes deben cambiar os significado das cousas: dando atención ao detalle / incitando daquela a unha recepción activa do poema - non hai xerarquías - somos nós que gobernamos o todo - pois cando proxectamos un fragmento poético estamos a plantexar o porvir






A virtualidade hanos achegar ao contexto real dos poemas: á súa circunstancialidade - daí a loita pola busca dun soporte axeitado para a poeticidade






Descondicionemos as palabras / ou quedarán prendidas dos dicionarios - do mesmo xeito que os poemas dos que ninguén fala decorarán os enxovais mortuorios do idioma






Retomemos as murallas - o muro é unha linguaxe petrificada que pon en relación palabra e materia - poesía: testemuña da actividade humana (porén cultura)






Fundemos pois un vran como tentativa de fuxida - sen lle coutar a paisaxe á expansiva e verdadeira poesía - porque o certo é que a verdadeira poesía fuxe - o resto non é cousa nosa






Amauta castro



Girona, 17/04/2012







0 Comments:

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis