Palabras de Amauta

Tuesday, October 31, 2006

CONSTRUINDO O FUTURO DO PRINCIPAT



Visto que estamos a desfrutar das festas locais, Fires de Sant Narcis, collín uns días de festa e reflexión. Festas, para desfrutar das loitas e trunfos do mundo Casteller e outros, caso desta foto na que unha chea de xente se amorea para metaforicamente construir un pobo. E reflexión, para poder votar, por vez primeira na miña vida, nas eleccións ao Parlament.

O caso é ben sinxelo, quen siga este blogue saberá perfectamente qué opcións políticas circulan nestes momentos pola miña mente. A esquerda de ámbito nacional (nacional dos Països Catalans, enténdese), non me deixa totalmente satisfeito. O independentismo oficial, capitaneado por Esquerra está a facer un alarde de social-liberalismo (se é que existe o termo) da pior caste. E por outra banda, está a manterse calada fronte á posibilidade de futuros pactos (ou pautos, segundo con quen sexa). O feito de estares calado Carod-Rovira, non é cousa nova, por ser señor de poucos alardes e efectismos, e por ben entender o futuro da gobernabilidade do País. A campaña é netamente independentista, cousa que non se lle pode botar en cara, por patriótica e sincera. Pero, desde o punto de vista da esquerda, deixo moi en entredito as ofertas electorais do devandito partido.

Por outra banda, o B.N.G. (único partido galego que veu por aquí a facer campaña, e tomar partido por alguén), segue a ser vítima dos seus pautos (digo ben, Pautos de Barcelona) co demo Converxente. Dito este inciso, a chamada Esquerda Independentista ( esquerda de ámbito nacional e social de tipo marxista) deixa moito que desexar. Así como, non nego que a súa aposta municipalista das CUP é unha boa aposta ( e da que moitos deberían tomar exemplo unitario), hai que deixar claro que até o de agora, ningunha (repito, ningunha) das opcións políticas deste espazo, teñen feito algunha referencia ao proceso eleitoral. Chama a atención o dato, visto que alomenos, e inda que logo non se faga campaña, paga a pena deixar algunha constancia pública crítica (xa sexa a abstención, o voto en branco, o nulo ou mesmo chamar ao voto para un terceiro partido). Pois non, millor no silenzo incapaz. Moito queda por madurar.

Fica claro pois, que non habendo unha outra posibilidade nacionalista e de esquerdas, estarei como en Galiza, entre a abstención e Esquerra, entre o non-voto e o oficialismo útil. Polo que a min se refire, nin o oportunismo do recoñecido, nin a inoperancia dos aspirantes.

Amauta Castro
Girona 30/10/06

ALGUÉN DUBIDABA DA NACIONALIZACIÓN...?



“A escravitude e as clases sociais son necesidades económicas de poder”
Alfonso Pexegueiro

Agora que o tempo do Che Guevara se cumpre en La Higuera, o Amauta Evo Morales ensaia a nova realidade boliviana.

Centos de anos nos que as boroas reverdecidas eran único alimento para o xabre futurizante e tumultuoso que escoaba nas mans e coallaba nos traballosos días. Centos de anos até Bolívar e os –ismos poderosos do planalto, centos. Arelas acougantes para a profecía do grande Amauta, mineiro de bafo cocaleiro e sindical, que naquela mañá sobardada de horizonte dirixiu a memoria dos enxugados.

Grazas, Padre Evo Morales de las Casas!

Amauta Castro
Girona 30/10/06

PASEAR, PASEOU XENTE...

Chega ao meu coñecemento a marabillosa idea do alcalde de Compostela, Sr. Bugallo, de poñerlle unha rúa a Fraga Iribarne. Tiña que ser a progresía españolista do PSdG-PSOE, de Bugallo, Touriño e Pepiño Blanco, a que semente a barbarie na cidade capital da nosa Nación. No ano da Memoria Histórica, os paseados ruarán polas teimas democraticistas dos verdadeiramente intolerantes, humillándonos (coma sempre).

Sobra dicir que detesto a proposta. Ter paseado polos Champs Elysees, pola Rambla de la Llibertat, ou pola Praza da Quintana faime pensar na irresponsabilidade do feito. Por onírico que pareza, nos meus piores pesadelos xa aparecía a lonxana idea dunha “Teatro Manuel Fraga Iribarne”, ou un instituto do mesmo nome. Lugares onde acudir en masa, referencias orientativas do espazo cotián. Por que non un cadaleito para Fraga en Bonaval, ben ao carón de Castelao? Ou rebaptizar a Praza de María Pita como Praza Francisco Vázquez? Crear un Centro de Inspección Laboral “Amancio Ortega”? Ou un Centro de Desintoxicación “Los Charlines” ?

Porque Fraga Iribarne pasear, paseou xente...


NON Á RÚA DA VERGOÑA

Amauta Castro
Girona, 26/10/06

Sunday, October 22, 2006

DE VARIA IRREDENTA...

E non parei de chorar
Nunc'hastra que de Castela
Ouveronme de levar.
Rosalía de Castro, de Varia en Follas Novas

Os países fluctuan desde a dialéctica do cambio. Por definición –por moitas que existan- as nacións poden carecer de todo, incluso de territorio. Din que temos unha raia leste, un espazo no que fica por delimitar o seu dereito á emoción somnámbula dos pobos sen Estado. Eu acredito.

Boa proba son os esforzos e coloquios de Frei Martín Sarmiento, as andainas estremeiras do Val do Xálima ou as valgadas arraianas do Eo-Navia.

Neste caso, quero mentar a varias persoas. A Quique Costas por terlle chamado galegas ás terras das Ellas. A Ramón Pais, polo seu pioneiro mapa lingüístico do galego e ternos dado conta de falantes máis alá de Navia. E a Ângelo Meraio, berciano e militante nacionalista galego que agora asina un interesante dossier sobre sobre a Galiza externa aos líndes da Comunidade Autónoma, impulsionador tamén do primeiro mapa comarcal que mostrou o territorio galego íntegro.

Para mostra:

http://www.nosgaliza.org/principal.php?pag=lernot&id=1043

http://usuarios.lycos.es/aureano/galiza_irredenta.htm

Amauta Castro
Girona 21/10/06

Monday, October 16, 2006

AS FERRADURAS DO MUNDO PRIMEIRO



(...)
só Alá pode beixar os seus labios,
tocar o seu corpo
e invadir a súa alma coa luz do alén.

Lino Braxe, O sangue dos árabes

En auxilio das arquitecturas capitais que sosteñen a memoria
vai con retrouso a curuxa
e decesos histéricos en aqueloutro frémito
que é retorno inmenso como café do medo
ou léveda ruína abisal das pozas témeras que visita a vida

En auxilio delas e se cedo arrincada a voce
nocturno extremo dun camiño que finda
morrendo entre luzadas solermiñas

Amauta Castro
Girona 15/10/06

Tuesday, October 10, 2006

POR UNS DÍAS ...ME’N VAIG FORA



Amiga das pingas acedas que creban a tranquilidade homoxénea do aceite
nomeclatura viva da desaparición

Así a viaxe

Amauta Castro
Girona 10/10/06

Sunday, October 08, 2006

MÁIS VOLTAS...

“Un poema, replicante de éxito é aquel que logra permanecer baixo copias doutros textos poéticos, durante moito tempo, medido este en xeracións literarias e logra propagar moitas copias de si mesmo”
Chus Pato, Charenton

Ten razón por delirio e tolemia, Chus Pato no psiquiátrico de Charenton. Un poema que transcende, permanece.
Se eu puider, axuntaría na praza da Princesa o cacimbo libre de Manoel-Antonio coas labaradas proletarias do vello amigo Heriberto Bens. E se callar, o aspecto belixerante da deconstrucción poética do lugar onde se tecen as redes escarlata.
Camiñar por Paseo de Alfonso, deterse en Falperra e deitarse co corpo perto das gorentosas fontes de Safo. Agallopar nas bátegas pecotrais das illas cunqueirianas, perfeccionadas na rotunda-esquecida elexía Eusebio Lorenzo Baleirón.
Éxito nun poema, metais perennes coma rodas de multicopista.

Amauta Castro
Girona 07/10/06

OS FILLOS DE MIL



Your mother Eire is always young
W.B. Yeats

A descuberta de Irlanda é un episodio de urxente actualidade. A tregua permanente decretada polo IRA semella chegar ao seu punto culminante no que podería ser a pista de despegue do movimento social republicano no eido institucional. Que ninguén se leve a engano, en Derry ceibe inda prende a rebeldía dos pobos grandes. Que en Gerry Adams refulxe tamén a luz antes da aurora e que todos sabemos -de certo- do xaxún voluntario e extenuante de Bobby Sands (poeta e soldado). Pois ben, a Eire socialista e única faime brochuras en verde perto da angueira. Anos de pasado veñen á conciencia (coma en Irlanda, coma en Irlanda) e palabras viaxeiras de Plácido R. Castro.

Parte desta fixación vén da nova película de Ken Loach, O vento que axita a cebada. Retratista ilustre da causa republicana e compañeiro dos bos espellos, Loach proletariza o inverno colonial da Eire aldraxada e con xustiza narra en colectivo a aposta nacionalitaria dun grupo de mozos alistados no exército libertador.

A historia que filma Loach ben podería ser a fidel narración de calquer episodio heroico dalgunha outra latitude política. Loach é incorrectamente obxectivo e transgrede os corazóns anglófilos para emerxer desde a realidade insular irlandesa. Fame, emigración, represión social, lingua, etc. Marcas decisivas do espanto e afiadas eixadas para a redención.

A auto-convicción irlandesa debe ser exemplo para a proxenitora común de Castelao e James Connolly. Fillos de Mil, nazón de Breogán, sons ámbolos dous do bolinar profético sobre os cantís de Brigantia.

Amauta Castro
Girona 06/10/06

Sunday, October 01, 2006

51



Tal e como o IRA reivindicaba a integridade territorial dos 32 condados da Illa de Irlanda, eu propoño rememorar con especial maxia e rebeldía a identidade das nosas 51 illas de galeguidade.

Contádeas, reunide os esforzos de cada unha das parcelas desta Patria.

Agora en diante, 51

Amauta Castro
01/10/06

CANTO XLV, Ezra Pound

CANTO XLV

Con Usura

Con usura non ten o home casa de boa pedra
Con ben cortados blocos e dispostos
de modo que o diseño o abeire,
con usura non hai paraíso pintado para o home nos muros da súa igrexa
harpes et lutz (harpas e laúdes)
o lugar onde a virxe reciba a mensaxe
e o seu bafo se proxecte pola fenda,
con usura
non se ve o home Gonzaga,
nin á súa xente nin ás súas concubinas
non se pinta un cadro para que perdure nin para telo na casa
senón para vendelo e cedo
con usura,
pecado da natureza,
é o teu pan para sempre farrapento,
seco coma papel, sen trigo da montaña,
sin a forte fariña.
Con usura incha a liña
con usura nada está no seu sitio (non hai límites precisos)
e ninguén atopa un lugar para a súa casa.
O arxina é afastado da pedra
o tecedor é afastado do tear
con usura
non chega la ao mercado
non vale nada a ovella con usura.
Usura é un parásito
penetra a agulla en mans da doncela
e paralisa o talento co que fía. Pietro Lombardo
non veu por usura
Duccio non veu por usura
nin Pier della Francesca; non por usura Zuan Bellini
nin se pintou “A Calunia”
Non veu por usura Angélico; non veu Ambrogio Praedis
non houbo igrexa de pedra coa sinatura: Adamo me fecit.
Non por usura St. Trophime
non por usura St. Hilaire.
Usura oxida o buril
Oxida a obra e ao artesán
Corroe o fío no tear
Ninguén tería aprendido a poñer ouro no seu diseño;
e no azur ten unha xaga con usura;
fica sen bordar a tea.
Non se atpa a esmeralda nun Memling
Usura mata ao neno no útero
Non deixa que o xove lle faga as beiras
Levou a sequedade até a cama,e xaz
entre a xove noiva e seu marido
Contra naturam
Eles trouxeron putas a Eleusis
Sentan cadáveres ao seu banquete
por mandato de usura.

Ezra Pound (poeta)

“reclamando cecais nai ou patria celta ou simplesmente pedra
without usura certas mediodías
calquera cousa do que non ten sombra...”

X.L.Méndez Ferrín, Con Pólvora e Magnolias

Eu tamén without usura, apropiaríame das pedras asinadas de cada catedral e das campás iniciais de Bastabales para poder practicar o Canto. Pois con usura o arxina non pode inventar idioma, nin da canteira escapar a música, como de certo se sabe.

Propoño claramente, unha profilaxe do sufrimento en forma de antepoética do horror. Pero se neste inverno alguén silencia o tráxico coro de España, eu ceibarei o sineiro de Anllóns á súa prol, without usura,naturalmente.

Amauta Castro
30/09/06

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis