Palabras de Amauta

Sunday, October 08, 2006

OS FILLOS DE MIL



Your mother Eire is always young
W.B. Yeats

A descuberta de Irlanda é un episodio de urxente actualidade. A tregua permanente decretada polo IRA semella chegar ao seu punto culminante no que podería ser a pista de despegue do movimento social republicano no eido institucional. Que ninguén se leve a engano, en Derry ceibe inda prende a rebeldía dos pobos grandes. Que en Gerry Adams refulxe tamén a luz antes da aurora e que todos sabemos -de certo- do xaxún voluntario e extenuante de Bobby Sands (poeta e soldado). Pois ben, a Eire socialista e única faime brochuras en verde perto da angueira. Anos de pasado veñen á conciencia (coma en Irlanda, coma en Irlanda) e palabras viaxeiras de Plácido R. Castro.

Parte desta fixación vén da nova película de Ken Loach, O vento que axita a cebada. Retratista ilustre da causa republicana e compañeiro dos bos espellos, Loach proletariza o inverno colonial da Eire aldraxada e con xustiza narra en colectivo a aposta nacionalitaria dun grupo de mozos alistados no exército libertador.

A historia que filma Loach ben podería ser a fidel narración de calquer episodio heroico dalgunha outra latitude política. Loach é incorrectamente obxectivo e transgrede os corazóns anglófilos para emerxer desde a realidade insular irlandesa. Fame, emigración, represión social, lingua, etc. Marcas decisivas do espanto e afiadas eixadas para a redención.

A auto-convicción irlandesa debe ser exemplo para a proxenitora común de Castelao e James Connolly. Fillos de Mil, nazón de Breogán, sons ámbolos dous do bolinar profético sobre os cantís de Brigantia.

Amauta Castro
Girona 06/10/06

1 Comments:

At 4:33 AM, Anonymous Anonymous said...

Coma en Irlanda, coma en Irlanda... de Rosalía a Novoneira, e máis que virán, todos os que foron alguén interiorizaron este fondo sentir.

Coma en Irlanda, coma en Irlanda... despreguízanos dunha pugna por vivir que ás veces estacionamos lonxe das vidas cotiás.

Coma en Irlanda, coma en Irlanda... debera ser o retrouso do novo verso. Da refundición moderna do noso himno. O novo Nazón de Breogán.

Coma en Irlanda, coma en Irlanda... e coma no filme de Loach. E coma en Lisboa en 1642 e logo unha madrugada de 24 para alborexar de 25 de Abril.

Coma en Irlanda, coma en Irlanda...
A min venme de dentro un susurro, se o deixo vai medrando en volume. Cada vez mais alto, máis fondo e sentido. Clamoroso. Sincero. Primario. O noso anceio:

Coma en Irlanda, coma en Irlanda...
Galiza, érguete e anda!

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis