BASHO MATSUO, VIAXEIRO DO SILENZO (HAIKU #1)
Tabi ni yande / yume wa kareno o / kakemeguru (Basho Matsuo)
Doente da viaxe / meus soños divagan / polo campo seco (Basho Matsuo)
Saberán os afeccionados aos haiku que Basho Matsuo (ou simplesmente Basho) viaxou durante toda a súa vida na busca “dalgo”. Dese “algo” pouco sabemos. O feito é que 300 anos despois da súa morte hai teorías para todos os gustos.
Del sabemos que era samurai e que viviu 50 anos (entre 1644 e 1694). Que nos momentos máis aguniantes da súa existencia recollía a súa ánima errante nunha choza de palla onde adicaba os seus sentidos á contemplación e á escrita. Probabelmente influenciado polo budismo zen, existe o rumor de que os últimos trinta anos da súa vida Basho viaxou por todo Xapón coma ninja (quer dicir, guerreiro do silenzo), por tanto deambulou na busca dalgun tipo de encomenda do seu señor feudal. Desa encomenda nace unha tensión entre o deber e a súa inclinación sentimental cara o budismo. Trátase dunha tensión entre o giri (deber) e o ninjo (humanidade), presente tanto na literatura xaponesa máis antiga como na traxedia clásica grega. Diso extráese que o mandato do seu señor de seguro contradicía os seus valores éticos e daí a súa obra tan e tan existencial.
Sexa como for, a poética de Basho vive na perfecta e eterna sinxeleza métrica do haiku (5-7-5). Neste caso, para os amantes da poesía xaponesa, Basho escribe un haiku invernal, tal e como deixa ver o kigo (palabra central do poema) “kareno” é dicir, campo seco. Semella que este foi un dos últimos escritos por Basho, pouco antes de morrer en Osaka vítima dunha doenza intestinal.
Na actualidade, os versos de Basho son fonte de admiración para xaponeses e non xaponeses, amantes dunha poesia perenne que é quen de crebar fronteiras xeográficas e idiomáticas.
Un saúdo, espero desculpen a intromisión.
Amauta Castro
Girona, 11/06/08
amautacastro@hotmail.com
2 Comments:
fermosa dose de poesía concentrada
Fermosa abofé...Que foi do teu blogue...entroume mal o outro dia...
Cousas da técnica!
Post a Comment
<< Home