ALGUÉN DIXO QUE...
Con este último acto devolvémoste á auga,
alí onde está a soñar o teu amor:
sodes agora os dous máis materia, e pura,
máis pesada que cando o vento levaba alá a tardiña
a vosa fala, e a túa voz enguedellada
no acubillo do teléfono.
Sexan a vosa garda
os arroaces que arquexan esta primeira tarde
de vós xuntos para sempre:
que Arión vos asubíe as palabras,
que batan en Domaio e abran logo un eco na ría,
que os vosos átomos amados pousen no fondo
e alí queden
ata o final absoluto dos tempos.
de Vigo, Helena de Carlos (poeta galega)
Hai menos dunha semana recibín distintas felicitacións. Algunhas moi prosaicas e que pouco teñen que ver con nada salientábel. Mais recibín dous mails. Un que agardaba hai tempo e un outro que nin sequer pensara que chegaría. Pouco importa de quen veñen ou o valioso efecto das súas palabras.
Un descríbeme como unha persoa escura e densa. Non podo negalo, son precisamente iso, unha especie de buraco negro onde se compacta a materia submetida ela a forzas dificilmente controlábeis. Iso son.
Un segundo correo é especialmente correcto e mesmo rezuma cortesía. Seica alguén atopou nos meus versos certos paralelismos con Helena de Carlos. Nunca tal pensara pero recibíno con agradecemento. Todos temos algunha duplicidade na nosa propia historia que nos fai chegar a aspectos cromáticos que emanan directamente dos lugares compartidos. É Vigo, ensaio proletario do futuro que ha vir (alguén dixo).
Grazas, a ambolos dous. Un saudo.
Amauta Castro
Girona, 14/04/08
amautacastro@hotmail.com
3 Comments:
Non hai palabras pra calificar ese poemario, inmenso, inmenso.
Apertas.
Tan pronto teña un minute de tempo, teño que pescar ese poemario. Sempre gustei moito de Helena. E teño os seus dous libros anteriores a man, eiquí (Alta Casa e 1999)...
ais, como se nota que estamos en familia...Grazas aos dous!
Saudos especiais a Fra Vernero...seica retornado dalgunha viaxe.
Post a Comment
<< Home