Palabras de Amauta

Saturday, March 08, 2008

PERDOADE A AUSENCIA



Nestes dias nos que bateu a tramuntana sobre Ciutat, e nos que mesmo nevou, pido que perdoedes a miña ausencia. E deixo por se acaso tamen un pequeno rascuño poetico de propia man. Nas proximas semanas visitarei Basilea, recuncho frontereiro onde unha rapaza cantou para Heriberto Bens a Internacional en idioma galego. Seica non puido reter o pranto...

Saudos e prometo estar alerta.


CÁNTIGA DE EURÍDICE

I

Da habitación só recordo o ritual prohibido que se albiscaba
na abxecta postura do teu corpo

Sabes
a poesía padece un xogo deshabituado á intemperie

Acobadado e témero visguento de ti alomenos Eu
afastado da faramalla que te arrodea pretendería
osmar o ceo e de súpeto enxertarte
Degoirar as buguinas enrestradas no teu cerne
Asubiar da adozada cerviz os laños magoados
Despoxarte inversa a caivanca lene
do cadoiro agradecer aquel esteiro fértil como unha áncora en prisma acuoso
e se cadra verte gozar impar de min na distancia
un asexo
nun muxir de ónices e cristais de marusía
que me saben a mirto e desmesura pronominal

Do teu corpo a ondaxe trementina
envorcada nun leixaprén primario que che tece o rostro con engrelas de organza
Abatida rocha de abalar elefantina nun fondo pracer levado
pónte agora de couso a vogar
e dos nefres pinguenta a saliva esborrexida
cairá nun voar de melros rápida metálica espuria
e domeada dirás engorde monosílabos de inútil esforzo
cribando de ti o farelo en mil remuíños
nunha doa nun dolmen culminado tamén nesta histeria corpórea
nunha hermeneusis colérica
/ubérrima máter en unión non-umbilical/
(expresamente as non-suxestivas gaivotas laiaban no ar
ou avoítores de terra amosegando nos queixumes máis febles dunha cadea negra)
Transfórmame para glorificarte ardente e xenuflexa
tencionando de ti unha predilección táctil polo teu van acubillado
e un gozarte a caverna lorma lábil gorentosa
cun arreguizo no remol da túa garupa e romper enfermo
a rinchar anfibio nas túas costas combadas en ábsida en estrondo en escanciada poalla
para afogar nesa gorxa empadumada con branco verniz anxélico

Se inda o goce lembra en ti
restaremos achandados en abdome contraposto
co pacer lenturento
das ledicias que se abren
II

Metade cova espiñenta e seca que se esgaza en fachos ardentes metade
metade enxoval floral en esfarna liberada polo vento e o abesouro
Repouso anainado na fragancia boreal e suculenta de seu
aceda misericordia dunhas enaguas pródigas no almíscar que retén homes e peiraos
para alén do devezo e o horizonte

Quero dicirte alento de trainear bufarolas do atardecer brincos do demo paisaxes inertes
que descuberto o óleo e as madeiras vibráteis do vimio novo
ampean cansos os lóstregos axitados polo corpo e a imperfección libertina
Dicirte quero verbo de distorsión palabra antiga quero dicirte
que de nós as mans gramen anceios nas paredes dos coutos
nos temóns da necedade a liserxia con xeo
que requeime inda as veas e o arume capilar do ventre crecho
prometendo un visguento túmulo de fervor vermello
para o desboque conturbado dos oureois que reaxen

III

Aprendiches a sintaxe freática das marés agora ferro agora aceite
Recompensou luirse coma pedras para ver chover no inferno aquel día
mais nestora que veñen as preamares incontíbeis con furor pétreo a me deitar no silenzo
ti alísaste turbada a berros e logo un salouco salino enchoupa os teus ollos
derretendo a torre vencida

Rematácheste para decidir o fragor autónomo dos teus beizos
co oureol tenrísimo que asubía eterno
entre pórticos coma fragas de bronce e auga


IV

Recoñece a virtude acollendo a certeza encriptada nos instintos
rémora caudal a louvares un cálice despoxado enfesto novo
Conségueme o conteúdo vil que rezumas nun flumen de seivas pétreas
comisura saturada polas froumas lívidas dunha acróbata
Samotracia niké pedra con azas agonizando trémula fragante
arca de esplendor acomodo marsupial tobo enxoito
Pois asumiches que habitabamos a idade dos príncipes
cun ollar revirado e a cabeleira tinxida de remexos impíos

O fondal do teu ventre líxame o mastro con pasta de alcatrán e ambrosía negra
Turbada te destrozas a berros e aboia de súpeto a nebra tenra con recendo a brea
Desfruta do meu paradiso de arcadas asulagantes
inclina o rostro sobre o leite e as estrelas


V

Pertenzo aos ourizos de Ada
ás augas que devorcan no seu embigo de terra
dela nos portos a extensa veiga
as tardes moles a intensa ferocidade do entroido tépeda e poenta

(Ada fica durmida en min
como agardando a ledicia)





Por Amauta Castro
Girona, 13/12/07

amautacastro@hotmail.com


http://amautacastro.blogspot.com

3 Comments:

At 2:54 PM, Blogger a.ma said...

...e aquí por vía oficial...Parabéns, Amauta e moitos versos máis :)

 
At 7:15 AM, Anonymous Anonymous said...

Que podo dicir eu...Grazas!

 
At 6:06 PM, Anonymous Anonymous said...

amautacastro.blogspot.com is very informative. The article is very professionally written. I enjoy reading amautacastro.blogspot.com every day.
cash advance ontario
loans

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis