Palabras de Amauta

Tuesday, April 01, 2008

TRAZOS DUNHA ESCRITURA MILENARIA




hashi fumeba uo shizumikeri haru no mizu

Piso a ponte
e afunden os peixes:
auga de primavera

Shiki (poeta xaponés)

Nestes últimos días en que puiden apreciar a importancia da action painting nas pingas infindas de Jackson Pollock (Reimundo Patiño agarda facendo espirais para os versos coureláns de Novoneyra), creo que encetei un proceso de autodesfrute moi especial.
Cando neno, as impertinencias caligráficas dos cadernos Rubio fixéranme padecer entre os bucles (malencónicos ou non) e as espirais dextróxiras e levóxiras que desafiaban a punta do meu lapis. Recoñezo a miña incapacidade cos trazos e co pulso crebadizo dun neno que precisaba con urxencia acadar o coñecemento polo medio máis rápido e directo. Dicía Cortazar que a imaxinación dun neno esmorece cando alguén lle esixe que debuxe unha casa.
Pois ben, coa lingua xaponesa acontece unha outra cousa. Hai xa un mesiño que (fago público nestora por vez primeira) comecei a recibir clases de lingua xaponesa. Si, e non por frikismo, recoñezo. Nin o manga, nin o anime, nin nada que se lle asemelle. A min da cultura xaponesa gústanme os haikus, as películas de Ozu, Kurosawa, Imamura e Mizoguchi; os bonsais e o suicidio de honra consagrado por Mishima e outros (dígaselle seppuku ou hara kiri). Namais iso, e as horas deitado diante da pluma e o hiragana. Porque a lingua xaponesa me fixo reatopar a arte caligráfica ao xeito dun diario íntimo inscrito sobre a pel dunha amante (cito en nome de Peter Greenaway, The Pillow Books), dunha amante lingua das illas onde comeza o sol e porén o abrente.
Deixo para desfrute visual este cadro do xaponés Kazuo Shiraga, obra de action painting que figura pendurada das poboadas paredes da Beyeler Fondation. Nos trazos ben se podería reflectir un kanji con ornamentacións varias e un azul de estanque e carpas multicolores a se remexer nas augas do rexos do shinto.
Para cumplimentar o post, un haiku traducido ao galego e que ben podería ser un retrato primaveral das flores que xa chegan á miña Ciutat. Por elas, un recendo de días que se alongan coas horas do mes de abril.

Girona, 1/04/08
Amauta Castro

amautacastro@hotmail.com



1 Comments:

At 3:41 AM, Blogger a.ma said...

Nestes días máis longos habemos de ter tempo para nos achegar un día a ver esas frores ben colocadiñas.Apertas

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis