ADÉU A SEBASTIÀ SALELLAS
Penso que neste adeus á figura senlleira da avogacía penal catalá todos os que solidariamente asumimos parte do discurso de Tià e do seu gabinete de avogados, debemos relembrar o espírito crítico e a retórica deste xa petrucio dos ventos que repousa no lonxe dos bardos do estrados.
A Tià Salellas coñecéuselle por defender grande parte dos casos máis mediáticos do mundo penal do Estado Español e máis en concreto do Principat. Alén de defender aos acusados polo caso da farmacéutica de Olot, Tià defendera non poucos enxuizamentos políticos a independentistas e revolucionarios de distintos sinos. Desde os encausados pola “Operación Dixan” ás listas municipais de Lluita Internacionalista, pasando polos últimos citados á declarar na Audiencia Nacional (de España) polo caso da queima das fotos de El-Rei.Tià era omnipresente na política cotiá gironina. Alén diso, foi destacado orador da cátedra de Dereito Penal da Universidade de Girona.
O caso, é que Tià deixou este mundo pola mesma porta que o seu admirado Luciano Pavarotti, e pervivirá en cada loita contra a inxustiza en calquera das súas formas. Para tranquilidade de moitos outro bo avogado, seu fillo Benet Salellas continuará a traxectoria familiar defendendo do peso da maquinaria xurídica aos necesitados e aos oprimidos.
Pero a miña análise, despois da pequena nota introdutoria para galegos non versados na actualidade catalá, vai por outro lado. Que sucede no seo do nacionalismo galego? O mundo do xurismo deu as costas ao noso discurso? Por que as nosas loitas non contan con avogados axeitados ao tamaño da nosa empresa?
É dicir, se os bascos teñen a Jone Goirizelaia, e os cataláns á saga dos Salellas...Que demos pasa connosco? É dicir, que está a suceder nas facultades de dereito do país que o noso discurso non prende entre as futuras camadas do xurismo? O aburguesamento é unha resposta sinxela mais non lonxana á realidade. Pero, facendo autocrítica, adoito o noso nacionalismo pervive nun exceso economicista que premia aos sectores laboralistas do dereito e que non poucas veces non está preparado para asumir os embates dos sistema cando se refire a outros tipos de represión.
Queda dito, por unha banda a miña dor pola perda dun baluarte na defensa dos intereses do pobo. Por outra, a incertidume polo futuro dun nacionalismo galego que inda camiña entre a vangarda social e a inocencia preadolescente.
Un saúdo na memoria de Sebastià Salellas.
Amauta Castro
Girona, 29/05/08
amautacastro@hotmail.com
0 Comments:
Post a Comment
<< Home