ESCOLMA DOS DÍAS
Je fais l’apologie systématique des sociétés détruites par l’impérialisme
Aimé Césaire, Discours sur le colonialisme
KAZE, guineana, non pode nacionalizarse porque tras sete anos de estudiante o Estado Español determina que o seu tempo de estancia non computa para a nacionalidade. Actualmente dá clases de catalán a estranxeiros malia descoñecer o seu futuro próximo.
AMADOU, tras chegar a Fuerteventura nun kaiuco con 17 anos foi expulsado de Canarias á Península. Tras un tempo sen ter pasaporte, o goberno de Senegal outorgallo. A súa identidade non concorda coa que supón a policía española, Amadou non quería que o deportaran. Con 20 anos de idade e sen permiso de residencia agarda as posibilidades para solicitar un arraigo.
KAREN é hondureña. Ten un fillo de 4 anos en Honduras, ela leva tamén 4 anos no territorio español. Non coñece ao seu fillo porque o deixou con 4 meses a cargo de súa nai. Non ten papeis, viu para quedarse pero non chegan as súas posibilidades reais de regularizarse. A avoa que coidaba morreu antes que Karen puidera arranxar os papeis. Devece polo seu país e polo seu fillo.
JIU descoñece o idioma. Ten papeis e un traballo de 14 horas diarias polo que cotiza media xornada. É un migrante chinés que percisa alomenos 3 anos de adaptación para ter unha base lingüística na que comunicarse. O seu empresario pensa que é somentes un cociñeiro pero el precisa de se expresar.
DEISY é nai solteira, vive con outras dúas familias. Ela e maila súa filla son ilegais. Solicitou o retorno voluntario despois dun ano de penurias persoais e económicas. A grande derrota inda lle agarda en Bolivia, a súa familia inda non sabe nada da súa volta.
KURJIT, indio de etnia sikh. Un avogado lle estafou 4000 euros por un contracto que resultou ser ficticio. Vive nunha pequena vila de Girona, traballa no agro cando hai traballo. Cando hai colleita vai á mazá en Lleida, ao morango en Huelva, á cereixa en Aragón, á uva na Rioxa, á oliva en Estremadura...
SHABER, non ten pasaporte. As autoridades israelianas non dan pasaporte aos palestinianos. Xordania recoñeceuno por ser fillo da terra de Cisxordania. O seu pasaporte xordano indica un nome que non lle corresponde xunto cuns apelidos de xinea masculina por seguiren as leis rexistrais dun país que non é o seu. Non pode viaxar a ningún outro país. Só poderá nacionalizarse se reside 10 anos, antes non. É medico pero non pode volver ao seu país baixo perigo de morte. Foi becado por Canadá pero non foi aceite o seu visado por ser suxeito potencialmente perigoso, cousas do 11-S.
Todos e cada un destes caso son reais. Suceden cada semana, cada día nos centros sociais, administrativos, e mesmo sindicais de cada unha das comarcas de calquer parte do Estado Español. O nomes foron cambiados para evitar calquer tipo de susceptibilidade ou atentado ao honor ou á intimidade. Son simplemente situacións reais, problemáticas diarias que vivo a cotío. Deles parte cada segundo do meu compromiso como traballador. Débome a eles e por eles daría cada gramo do meu esforzo.
Grazas por ensinardesme a coñecer o planeta, irmáns.
Amauta Castro
Girona, 03/12/07
amautacastro@hotmail.com
1 Comments:
Xeografía humana,escolma de identidades, viaxe coas palabras necesario para relembrarnos o que nos rodea.
P.D. Para a próxima contamos convosco, esta excursión foi algo chafalleiramente preparada.
Apretas!
Post a Comment
<< Home