Palabras de Amauta

Thursday, November 22, 2007

REVISITANDO L’ALGUER



Falo de mediados de setembro de 2005 na miña visita á illa de Sardeña pero retrocedamos uns 650 anos até xuño do ano 1354. Na costa de l’Alguer a hoste numerosa de Pedro III o Cerimonioso (Rei da Coroa Aragonesa) procede xa cansada ao segundo asedio á cidade sarda. As epidemias esténdense entre os soldados e a loita encistada fronte ás tropas xenovesas fai que sexa necesaria a comparecencia do propio Pedro III, debido á rebelión producida tralo primeiro sitio no que os cataláns acadaran unha vulnerábel vitoria aló polo agosto do 1354.
E finalmente, o 14 de novembro de 1354, Pedro III o Cerimonioso e Maria de Arborea asinan a capitulación dos xenoveses para que o propio monarca catalano-aragonés entre vitorioso na cidade o 16 de novembro do mesmo ano. Datas aparte, comeza nesta época unha experiencia lingüística extraordinaria, calificábel mesmo de anómala pola situación ultraperiférica na que se atopa l’Alguer fronte á metrópole catalano-aragonesa. Unha situación cultural e lingüística na que se sostén unha ligazón que supera máis de seis séculos de irmandade entre os países de lingua catalana e a illa catalana da Sardeña, tal e como é calificada a cidade. Esta situación de aillamento secular fixo que a perdurabilidade do idioma, lonxe dos moitos mitos que poda espertar, sexa un fenómeno cuns fundamentos máis ca interesantes desde o punto de vista do viaxeiro, ou do estudoso. Alén de valorar os distintos motivos polo que o catalán chegou ate os nosos días nun enclave tan mínimo do Mediterráneo como é l’Alguer, debemos ser conscientes do primeiro e máis fundamental das razóns: a vontade de ser dos alguereses.
Máis alá, diversos coñecedores da historia e da lingüística algueresa apuntan cara varias cuestións centrais que xustificarían a permanencia do uso do catalán no retrinco noroccidental de Sardeña que é l’Alguer.
A actual dirección do Arquivo da Coroa de Aragón deixa entrever desde a súa posición de privilexio catro apuntamentos claros:

a) A colonización e repoboación directa que sufriu a a cidade no seus primeiros anos de conquista, debido en grande parte á rebeldía primeira que mostraran os habitantes da zona, e que provocaran o excesivo celo dos monarcas catalano-aragoneses.
b) As disposicións xurídicas específicas coas que se promocionou desde a metrópole a fortaleza económica de l’Alguer, e a fortaleza do entramado administrativo catalano-aragonés que se derivaba das devanditas disposición e privilexios.
c) A situación xeográfica e o feche amurallado que obrigaba á poboación algueresa a vivir de costas ao resto da Sardeña e a manter relacións directas vía marítima coa costa catalana.
d) E por último, cabe destacar que trala perda do dominio catalán o importante papel catalanizador da Igrexa e da administración local. Ámbalas dúas institucións chegaban a contradicir ao goberno central italiano e practicaban tanto prédicas como catequese, como os edictos locais en lingua catalana.

Por outra banda, e continuando coa análise histórica da realidade algueresa, o inicio da estratexia de substitución poboacional iniciase a finais do século XIV, conseguindo unha exclusión plena dos elementos sardos arredor de finais do século XV. Para aquela data, l’Alguer convertírase nun porto mercantil fundamental na mediterrania, comezando un periodo de bonanza económica que se extenderá ata dinais do século XVII, onde as pestes e o dominio dos Hasburgo darán por finalizada a época dourada de l’Alguer.
Pero, l’Alguer tampouco ía ser alleo a un proceso que afectou en grande medida a tódolos países de lingua catalana, o conflito da Guerra de Sucesión. Tal e como para os cataláns o 11 de setembro do 1714 é unha reseña histórica de conteúdo incuestionábel, para os alguereses 1720 é o ano da anexión á Casa de Savoia, da perda da Guerra e do comezo da italianización. Boa proba da presencia dos Savoia na Illa da Sardeña é a arquitectura savoiana omnipresente en todo o norte da illa, especialmente en Sassari (capital administrativa do norte).
A perda de poder administrativo é patente. O bispado pasa a depender do Piamonte e o Bispo Mateo de Bertolinis impón o rexistro parroquial en latín (fronte á lingua vernácula) en 1734, malia as reticencias do clero autóctono de l’Alguer. A italianización iniciada pola Casa Savoia chega até o século XX, malia os esforzos da Renaixença que tamén actuou en l’Alguer, pero que se viu fortemente eivada polos desacordos lingüísticos entre as distintas ponlas do catalanismo alguerés e os personalismos xa típicos en movimentos tan precarios como o que agromaba en l’Alguer.
Pero, deteñámonos a valorar as achegas e a reconstrucción lingüística levada a fin polos catalanistas de finais do XIX e principios do XX. Todo comeza cando Eduard Toda, cónsul español en Cagliari entre os anos 1887 e 1890, enceta o proceso cando por encárrego dos “Amics de la Renaixença” trata de avaliar o achádego feito por Francesc Martorell (arqueólogo que en 1868 redescubre a comunidade de lingua catalá de l’Alguer). Daquela, Eduard Toda fica impresionado e tenta planificar a Renaixença no noroeste da illa. De volta ao territorio catalán Eduard Toda comeza a popularizar a realidade cotiá algueresa nos medios culturais da época, dato polo que moitas das asociacións catalanistas daquel momento comezan a enviar material didáctico en catalán á illa.
O facho de Eduard Toda prende nun gurpo de xoves que se interesan polo proceso de Renaixença catalá desde l’Alguer. Eduard Toda encarrégalles transcribir o Arquivo Histórico Comunal de l’Alguer. Este grupo dá vida a unha agrupación cultural que nace en 1906 chamada La Palmavera. Comezan a canalizar a comunicación entre a comunidade catalanista algueresa e as agrupacions catalás, recollen proverbios, contos, etc. Dentro deste grupo de precursores atopamos a Josep Frank un dos primeiros catalizadores dun movimento que malia o optimismo co que arrinca fica colapsado polas diverxencias internas nun tema central: a lingua.
Os algueresistas de La Palmavera fican divididos internamente por tres correntes, con cadansúa fórmula para desenvolver a posterior codificación do idioma e por tanto, tamén da súa orientación e , por extensión, tamén do movimento en si propio.
a) Unha corrente Italianista que defenderá a ortografía italiana para a expresión escrita do dialecto alguerés. Practicando unha estraña subordinación á cultura italiana dun dialecto claramente identificábel co idioma catalán.
b) Unha corrente nomeada Catalanista ou purista que pretendía soster o dialecto alguerés dentro do estándar catalán, respeitando a ortografía pero tamén reducindo grao de incidencia das expresións propias e dialectais do catalán alguerés.
c) E unha ponla Algueresista, e maioritaria, na que atopamos ao referente intelectual do movimento: Joan Pais. E que sostén a necesidade de dotar a lingua dun estándar ortográfico catalán pero no que teñan espazo para reivindicar os propios usos do idioma dentro da súa variante.

E xorden sen dúbida algunha as diferencias, marcadas pola necesidade de fixar unha gramática para o alguerés. Grande parte do protagonismo que se gañara fluctua entre os dous contrincantes. Por unha banda, Joan Pais e por outra Joan Palomba despútanse un posto na historia de l’Alguer, case como a razón de ser de ámbolos dous, despútanse ser o primeiro en sacar á luz pública a primeira gramática do catalán de l’Alguer. Pero cando todo semellaba prognosticar que sería Joan Pais o laureado como grande precursor das letras catalanas na illa, Joan Palomba desmárcase e saca do prelo Grammatica del Dialetto Algherese Odierno (primeira gramática do dialecto alguerés, feita neste caso en italiano). A popularidade de Joan Palomba e do seu acólito Ramón Clavellet é catapultada até o Iº Congreso da Lingua Catalana en Barcelona, lugar onde Clavellet e Palomba son citados como representantes da cultura catalá en l’Alguer, para disgusto de Joan Pais que magoado envía unha carta de desagravio fronte a Palomba que é recibida en Barcelona como un capítulo máis dos desencontros entre os homes fortes do catalanismo en Sardeña.
Pero lonxe das rifas, a tarefa de Joan Pais é o percorrer de toda unha vida de impenitencias algueresistas cun compromiso somentes acadábel desde a paixón á que se accede pola forza do traballo incansábel.
Así, Joan Pais orfo de pai e nai desde os 8 anos e imposibilitado economicamente para cursar estudos clásicos (como el desexaba), acada o título de farmacia e gaña un posto como boticario na prisión de Castiadas (perto de Cagliari). Deixa pois, o seu estimado l’Alguer en 1912
Pola súa predisposición ás letras adicou vida e penurias aos estudos gramaticais e literarios de ámbito alguerés, actividade que o consagrou como referente do movimento. Dela cabe destacar o seu eterno manuscrito Grammatica del dialetto odierno d’Alghero, que leva data de 1899 pero que foi retocado e agrandado durante toda a súa vida. A interminábel obra foi foco de desilusións para Joan Pais a raís dos sucesos do Ier Congrés de la Llengua Catalana (1906). O seu traballo lento e perfeccionista levou daquela a cruz de que lle tomaran a iniciativa.
Malia iso, a Grammatica do seu sobriño Joan Palomba chega nun intre de discrepancias internas en La Palmavera. Discrepancias que rematan por rachar despois das friccións do Ier Congrés, e de que R. Clavellet (residente en Barcelona desde 1906) edite “La Sardenya Catalana. Fulla patritòtica dels catalans d’Itàlia”. Ideada como voceiro de La Palmavera e á que se lle dan as costas desde l’Alguer.
La Palmavera, malia o seu meteórico percorrido foi un precedente básico para o algueresismo e para as primeiras normas do alguerés (1913).
A Iª Guerra Mundial e a emigración de moitos dos compoñentes do catalanismo alguerés enfeblecen o movimento, non sendo até despois da IIª Guerra Mundial que reaxe co trasfondo ideal de La Palmavera.
Finalmente, nas décadas de 60 e 70 recomeza unha dispersión social dos sectores catalanoparlantes que migran do l’Alguer histórico cara ás zonas periféricas do Golfo de l’Alguer (Fertilia, Olmedo, etc). Asemade, a turistificación provoca a chegada de novos poboadores, especialmente traballadores napolitanos e siciliáns que axudan ao sostimento do modelo italiano. Namentres, os alguereses se deslocan cara á Italia peninsular e cara á Europa industrializada.
A perda de falantes no caso do catalán de l’Alguer é un feito provocado en grande medida polo Plano de Desenvolvimento de Sardeña (1953) e que se lastra nas dúas décadas seguintes. Nun primeiro termo, o deseño do devandito plano estaba destinado ao desenvolvimento das infraestruturas, pero no decorrer lingüístico traduciuse na desaparición das actividades tradicionais (agro e pesca) eidos onde o dialecto alguerés era predominante. Esta rutura do equilibrio económico provocou o afortalamento do italiano e un desprazamento xeral do sardo e mailo alguerés no mercado laboral.
Nesta pugna por un espazo de seu, o catalán de l’Alguer ocupa un posto de subalternidade fronte ao italiano (o 41% da poboación utiliza o alguerés habitualmente fronte a un 51% que usa o italiano) e mesmo convive con outras expresións coma o emiliano e o giuliano-dálmata, alén do sardo.
Namentres, o marco xurídico no que podería moverse o catalán de l’Alguer vén dado polo proceso de refederalización de Italia e pola insularidade sarda que deixa a l’Alguer alonxado do centro de decisións.
A Constitución Italiana recoñece no seu artigo 6º unha tutela das minorías lingüísticas de Italia e prevé no seu artigo 9º que será o Estado o que teña atribuídas as competencias no desenvolvimento da cultura.
No eido local, l’Alguer recoñece en 1991 na súa carta municipal, que é o Concello que protexerá, promoverá e difundirá a lingua catalana, contribuíndo economicamente a tal efecto.
O Estado Italiano, lonxe de incrementar os seus esforzos na diversidade lingüística das súas comunidades, submete ao mundo do ensino a un novo baleiro xurídico onde somentes a circular 73/94 do Minsiterio de Instrucción Pública prevé a posibilidade de fomentar o respecto ás minorías lingüísticas. Porén, alén de non existirr un ensino público reglado de catalán para o profesorado (solventado pola iniciativa popular do Centre de Recursos Pedagògics Maria Montesori), o ensino en catalán somentes se imparte na primaria (ficando fóra o preescolar e a secundaria) mentres que na Universidade de Sassari só conta cunha cátedra de lingua e literatura catalás, fechando o único acceso a unha titutlación superior sobre lingua e cultura catalás no seo do Estado Italiano.
O uso do idioma, malia ter gañado diferentes batallas, sitúase no mundo familiar, mentres que o uso social fica identificado cunha comunidade atrasada. A lingua, máis presente nas xeracións envellecidas, é trasmitida na maioría dos casos a través da familia sendo somentes un 13% dos nenos fala catalán entre eles, chegando a percentaxes inferiores na caso das capas máis novas, que se presentan case analfabetas na súa lingua. O 37% dos alguereses di falar catalán no traballo pero recoñecendo que se utiliza en espazos máis informais de conversa.
Por outra banda, o proceso é complexo e non todo está perdido. Cada día son máis as persoas que adoptan simpatía polas medidas de mellora do uso social do catalán de l’Alguer; que entenden o idioma e que o aprenden na etapa adulta.
Boa proba deste esforzo é a irmandade de l’Alguer con Tarragona e Palma de Mallorca, os acordos entre o Concello de l’Alguer e o Departamento de Cultura da Generalitat Catalá, a UOC e a presenza de Omnium Cultural, etc. É dicir o intercambio co resto de países de lingua catalana e a cooperación entre institucións.
Este é o verdadeiro barómetro da realidade, un terreo no que se están a gañar posicións para o algueresismo. Publicacións infantís, clases de catalan para a secundaria por iniciativa do profesorado, libros catalanizados no ensino desde 2001, etc. Toda unha serie de propostas e vitorias que nos achegan ao grande trunfo final: o modelo de ámbito restrinxido do alguerés. Un subestándar que servirá de sistema unitario e referente académico para o catalán de l’Alguer, acadado despois de 9 anos de traballo e que contan dco visto bo do Institut d’Estudis Catalans.
Recoñecernos no bastión amurallado de l’Alguer é retroceder co apego dos tempos cara ao pasado e os séculos de mar intenso e falas. Descoñezo o futuro pero só digo que se enxerga protexido polos cristais de maiólica que vidran o ceo da Sardeña. Nela os outonos son primavera e o crepúsculo non tarda en saudar Maó cando en Fraga a tarde non cesa.
Amauta Castro
amautacastro@hotmail.com
Girona, 22/11/07

6 Comments:

At 3:08 PM, Blogger a.ma said...

Un pouco de historia para ir entrando en materia, nun bocadinho estarei pisando a illa.

 
At 2:08 PM, Blogger Unknown said...

Moi interesante, e para min até agora descoñecida historia da lingua catalana en Alquer.

Pderíasme facilitar algunha bibliografía sobre o tema e sobre o dialecto de Alguer?

Xiao Roel

 
At 1:41 AM, Anonymous Anonymous said...

Grazas, por estares sempre atenta aos meus posts. Botamoste de menos na reunion de Espazo Galego!

Para Xiao, tamen agradecementos e nestes dias recibiras un mail con recomendacions bibliograficas. Se o tiveras dito con tempo teriache mercado algo, este sabado pasei por unha libraria de BCN que ten bastante material.

Saudos a tod@s!

 
At 10:32 AM, Blogger a.ma said...

A ver que me contan mañá...vémonos pronto, mágoa non poder pasear Can Faga convosco desta volta.Saúdos!

 
At 5:05 AM, Anonymous Anonymous said...

o outro día comentoume Severo, de abstemio a abstemia, a existencia deste blog teu e por aquí che ando mirando cheirando por onde andas, que para iso están os blogs. E: que vida tan estupenda e tan viaxada!!
outra sorpresa tamén ver que Xiao ten blog, tamén o irei visitar. Xiao, se ves isto: tanti baci! :)

Tanti baci anche per Amauta.

P.S.: Severo e mais eu preguntámonos se o Cotorro é o after de moda. temos grande curiosité.

 
At 5:36 AM, Anonymous Anonymous said...

Grazas pola visita e polo comentario!
Saudos para ti e mais para o Doutor Severo Vázquez...
Deica!

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis