Palabras de Amauta

Sunday, November 11, 2007

NEVERMORE...




Nevermore, proceso de a cotío, ciclo infinito. Por ti puiden ter feito acopio de exhortos á transformación e morrer derrotado, esquecido e somnámbulo. Nevermore, non atendes á razón das miñas prédicas esteriles (peixes trabadores cabeza-de-home perseguen a disdencia neboenta) e ti morréndome na inmediatez dos obstáculos máis pequenos.
(Moebius, anel de pedra) Desesperadamente lostrega o desánimo e a parálise desta terra absurda, ilegal. No deterioro, devezo do acordar dos herois que descansan baixo as mámoas do antergo, mais nesta restreba de autonegación xorden alimarias (elas, no inconsciente animalario da aldea).
E así, os días de Nevermore mestos e rabusos gorecen a rendición das trabes que sosteñen o mundo coñecido. Morta a verdade nesta catástrofe trashumante da emigración, debuxamos co compás o ceo da marxinación polo que camiñan os ilotas. E velaí os están eles, adorando ao Hierarca (o sátrapa petrucial e paizoco que gobernou as eiras patrias agora pucharca de alcatrán), pertencéndolle coas mans lañadas no traballo, camponeses que foron noutrora labregos do comezo.
Que dicir dos mares que bañan Nevermore. Semellantes eles a un Lethes oceánico que como quen agocha un teixo, manexan o esquezo para nel engaiolar a suprema disidencia das praias asulagantes de chantaxes que borran o ronsel das casitérides non atopadas. Urran de vagar os mares, acusadores da catástrofe, fideis e xusticieiros coa depredación da terra e a autarquía crioula que dirixe a fin da cultura autóctona coa preamar máis outa e devastadora.
E nós, nós sós coma sempre, deitando a palabra na rúa e nas covas nas que se fala co clamor das vinganzas. Soidade de novo, eterna causalidade externa que amosa o rostro das barreiras arqueolóxicas que someten as ferreñas do son propio á súa regalía. Non vos queremos seres da anulación, liscai da terra nacente que arrecende ao celeiro popular das eiras novas. Seitura para o voso corpo encheito do privilexio perenne, ratificados mustélidos da vontade democrática, e un penico para vos deitar por riba a choiva obrada polos que non tivemos culpa ningunha.
Prego para que as canellas abertas entre a tebra troquen cómaros de ceo e se callar un queipo manufacturado polas obreiras do wolfram, porque Nevermore será cousa balística a se lles estoupar nas mans dos cóengos da usura. Xa dixen, no mundo soa unha traxedia.


Amauta Castro

Girona 11/11/07

3 Comments:

At 12:02 PM, Blogger FraVernero said...

Sí, nestes días en que a sombra negra aparece desdebuxada polo tempo e un azar algo máis afortunado que impediu (por agora) novas mareas negras, alédase un de atopar artigos coma este, cheos de verdade e fermosa filigrana, e debullando a lembranza da traxedia na que todos, en maior ou menor medida, tentamos botar unha man.

O corvo de Poe aínda non ergue as súas ás para deixarnos...

 
At 6:25 AM, Blogger Leopold Bloom said...

Aqueles foron tempos negros e duros para todos nós, lémbrome...

 
At 6:48 AM, Anonymous Anonymous said...

Agradecido polos comentarios, deixo os días de alcatrán para que non recomecen.
Mar un, o único de certo o de Bernardino Graña. Despois, ningú outro.
Benvido tamén señor Leopold Bloom...É agradábel telo entre os meus lectores. Fica convidado a seguir entrando cando considere.

Saudos e grazas...
Quoth the raven, nevermore!

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis