Recén chegado estou de Londres, un vello amigo que adoito vistar alomenos unha vez por ano e que agardo manter dentro da miña axenda por moitos máis. E é que o
melting pot (ese crisol de culturas) que contén a a cidade das néboas e neboeiros espallados, tenme de certo abraiado e mesmo esperanzado por riba de calquera outra tentativa xenófoba que poida existir Europa adiante. Recomendo porén Brixton (lembremos a música dos
The Clash) e Brick Lane, lugares prezados pola exótica virtude da multiculturalidade.
pois ben, foi no aeroporto de Stansted (lembremos que son un viaxeiro
low cost) que merquei un exemplar do
órgao de expresión do neoliberalismo máis cruel, é dicir de The Economist. Xa sei que moitos opinarán que me deixo levar polos tóxicos máis duros pero é que non deixa de ser preciso aprender do inimigo e dos seus mecanismos máis subtís. Pero a verdade é que The Economist non é moi subtil que digamos. É por iso que lendo o seu último editorial, lembrei unha conversa da que fun atento espectador hai non moito tempo.
Di The Economist, que é preciso criticar á diferentes economías asistenciais de Europa (por exemplo Alemaña) por non iren directas a solventar os problemas da presente crise a través dos "verdadeiros" dispositivos dos que dispoñen os estados para atallar o problema. É dicir, abaratamento do despido, aumento da xornada laboral, redución de planteis, axuste estrutral da inmigración, etc. Digo eu que ao señor ou señores editores de The Economist non lles viría mal de todo auto-regularse os soldos ou, despedirse e pasar uns mesiños sen cobrar para se decataren de como vai este mundo (nefasto) que "tan ben se autoregula a través do mercado" (como eles mesmos asinarían).
Pois ben a frase que me veu á mente ao ler o devandito editorial vén dunha conversa que escoitei mentres agardaba por uns trámites no rexistro civil da miña Ciutat.
A funcionaria do rexistro civil preguntaba (a efectos estatísticos) a unha parella que ía inscribir un neno recén nacido, ...
- Non cubriches o do traballo...A que te adicas??
-Agora estou no paro. Por iso non o cubrín...
-Pero que facías antes?? Así poñemos a túa última ocupación e listo.
-Pois mira...Vixiante, repartidor, pizzeiro, obreiro da construción...
Velaí a realidade da miña xente, da miña xeración. En todo o seu esplendor diante da crueldade dos números e da economía política dictada iso si, polos de sempre.Agardo pois, que os editoriais do mundo no que vivimos sexan algún día da xente que precisa ser editorializada. Con voz propia, con integridade.
Non perdamos a espranza.
Amauta Castro
Girona, 05/10/09