AND THE WINNER IS...
Aprendéranme cando neno que sempre se debe aplaudir despois da función. Pois ben, estando estes días na compaña de Ada, falabamos da desaparición mediática de Obama. Certo é que Obama aparez nos media alomenos unha vez ao día pero non é menos certo que o pulo co que se nos mostrara nun primeiro momento foi esmorecendo até o renascer proporcionado polo Nobel da Paz.
Dicía non sen razón, Ada que as opcións existentes en todas as apostas eran de todo desacertadas e que semellaba que andaría moi probabelmente parar ás mans de Bill Clinton. Pero non, xigante foi a sorpresa cando a Academia desmarcouse cun fallo de todo inesperado. Porque alguén lembra que fixo Barack Obama pola paz? As tropas han ser retiradas de Iraq, pero inda fican alí "temporalmente". De Afganistán, nin falar, alí semella que "a misión" ten inda para un tempiño, de Guantánamo nada "is still in process"... E das outras coitas do seu mandato? Ren, nin sanidade universal (freada polas familias políticas ianquis de toda a avida), e do Bloqueo a Cuba ren, retido por unha especie de negociación á tremenda da que supomos Obama pretende gañar tempo e aumentar as molestias a un país que inda agarda RESPETO do seu viciño máis forte.
E dos conflitos de sempre? Ren, e é que os clásicos nunca perden. Eses conflitos encistados que desexan dun líder quen de solventar problemas, tender mans e propor saídas. Éses son os problemas que un líder internacional debe afrontar, non si? Que foi dun Sudán, dunha República Democrática do Congo, Palestina, Paquistán, Cachemira, Kurdistán, Iemen,...Que foi deles? Pois nada, supoño que andan a envorcar na súa propia merda, como foi costume na fin do anterior século.
Pola contra di a Academia que o premio vai pola súa aposta polo desarme nuclear. O Presidente do país máis armado do planeta (co permiso de Israel), o país co meirande arsenal atómico que coñeceu a historia da Humanidade, ¿? É el o coudel do desarme?
Non vou culpar a Obama de todos os males. Sería simplista, pero é que a min de cativo ensináranme a aplaudir despois da función. E pola contra aquí somentes hai beizóns erráticas dun premio desherdado e baleiro nun mundo proclive ao continuo fracaso diante da paz.
Amauta Castro
Girona, 18/10/09
0 Comments:
Post a Comment
<< Home