Palabras de Amauta

Thursday, September 24, 2009

XEOGRAFÍA #2: CIUTAT



Acontece a hora do crepúsculo e a saraiba precipita Ciutat nun anverso agre, tenue. Linguas envolveitas de aves que infestan o ceo coa multitude torrencial das azas usurpadoras de nubes. Moreas de cristais cerámicos sementan a praza cun silenzo de estoupidos que se reflicte nun chan de xeo. O río é un espello firme, inquebrantábel. Só as oucas ceden partidas polo peso dos flocos boreais que coroan Ciutat e o bairro antigo. As laxes resisten.

…………………………………….

É noite xa. Escoito as doce de pedra cando xa ergue a estrelecida. Uns berros no xardín que circundan as edras. A vista que non chega albiscar o quen dos berros e o espello que se gorece na noite coas pasaxes dun libro. Laios tan brancos como a crueldade, cóengos da noite que revoan cando se desexa o pranto.


Amauta Castro
Girona, 24/09/09

Sunday, September 06, 2009

LEMBRANDO A HO



Un pobo e un exército valerosos
non coñecen nada imposíbel.
A raigame fai sólida unha árbore,
o pazo de toda vitoria
constrúese sobre o pobo enteiro

Ho Chi Minh en Poema de Propaganda

Entre os numerosos cabodanos existentes ao longo do ano (que son moitos), decateime que nunca fixera eu mención algunha do noso Tío Ho. Certo é que non son un experto na súa vida e obra. Sei como moitos galegos o que nos deu en herdanza a través da man traductora de Neira Vilas, e teño na casa o pertinente Caderno de Prisión ben situado para non perdelo. Do resto que sei ou coñezo foi a través dunha escolma da súa obra (en castelán) que circula pola Biblioteca Central de Vigo. E nada máis, ou acaso é preciso expoñer algo máis?
Aproveito o post para comentar que estou algo paralisado político-poeticamente así que agardo que ninguén se asuste se nestes días non dou para máis. Preparo, por certo, unha visita ao berce de Pasolini, marxista e teórico da imaxe e do pensamento. Agardo que chaves irresoltas de coñecemento agromen en min a través desta nova aventura polo norte de Italia. Se non for así, que alomenos preste a quilometraxe andada e que os días premien os sentidos con esencias para a memoria.
De todos os xeitos volverei pronto...


Amauta Castro
Girona, 06/09/09

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis