Palabras de Amauta

Sunday, July 05, 2009

A IMPORTANCIA DE SER KALASH


Petencer a unha minoría de 6000 persoas neste novo mundo que enxergamos tan posíbel como imposíbel é cando menos unha tarefa ben dificultosa. Pois ben, eis a realidade do pobo kalash. Os kalash son un deses temas recorrentes que me veñen á cabeza de cando en vez. Un grupo étnico que poboa o noroeste do actual Pakistán, entre o Hindu-kush e o Karakorum. A parte romántica da historia, alimentada por uns e por outros, dinos que son un pobo de orixe helénica que quedou metaforicamente varado no norte do Pakistán tras as devanditas terras seren conqueridas por Alexandre o Grande. Un pobo que mantivo a súa herdanza relixiosa (pagá e politeísta), cultural (idioma propio, vestimenta, modelo social, arquitectura, etc), económica (agricultura e gandeiría de subsistencia), e mesmo unha herdanza xenética común que os sitúa como un pobo proto-indoeuropeu.
Exploradores doutrora, lingüistas, antropólogos e outros, esforzáronse en manter o que di certa parte da súa lenda. Quer dicir, o feito de seren eles a retaguarda do exército de Alexandre o Magno, que ao avanzar cara ao río Indo deixou parte da súa tropa naquel punto do actual Kafiristan (Terra de Impuros, ou Terra de Pagáns en lingua arabe-iraniana). E dalí á actualidade, 24 séculos despois poderiamos estar a falar dun grupo dunhas 6000 persoas non islámicas, de lingua kalash (do grupo das linguas dárdicas que se estenden desde Afganistán até o Punjab indio), de aspecto indoeuropeu, monógamas, e con algún aspecto sorprendente como o cultivo de viño (lembremos que viven a unha altitude de entre 3000 e 4000 metros).
Os últimos estudos que teñen analisado o ADN mitocondrial dos kalash veñen determinando que o pouso xenético heleno dos kalash é de darredor dun 20% até un 40% nalgúns casos. Datos moitas veces pouco determinantes e que veñen reforzando a idea dun grupo aborixen proto-indoeuropeu no canto do lendario pasado helénico. Namentres lingüistas de Grecia e Macedonia seguen a trebellar e traballar coas palabras, nas que atoparon certo léxico de orixe helénica. Quen sabe.
O caso é que hoxe, ser un indiviudo petencente a unha minoría (por moi lendaria que sexa), ben sendo algo así como unha faena. Os kalash reduciron a súa poboación de 100.000 individuos en 1900, a uns 6.000 na actualidade. Dato que pode darnos unha idea do asoballamento social-político-cultural que sufriu o pobo kalash. Tendo este asoballamento como eixos a propagación da relixión musulmá e a loita desta contra os grupos pagáns, a falta absoluta de oportunidades laborais fóra da comunidade aborixe, a propagación doutras linguas como o pashtu ou o urdu (e tamén do ensino en inglés), e o impacto económico doutros modelos de producción que son diverxentes do tradicional.
Agora que as bombas fan inhabitábel o val de Swat (moi perto da área dos kalash), nesa suposta loita infinda que inda mantén EEUU contra os talibáns. Un pobo de fonda raigame albisca o seu futuro entre as iras duns e as angueiras doutros. Agardo que toda esta divagación servira para algo. Deica outra.
Recomendo os seguintes videos

2 Comments:

At 3:49 AM, Anonymous turonián said...

Si señor! Aínda así un 20% de contido helenístico tendo en conta que de Alexandre pasaron bastante máis de 2000 anos creo que non ten porque ser un argumento en contra da lenda. O que está claro é que teñen unhas lendas propias e unha cultura en proceso de minorización. Se fose máis católico diríache que rezaría por eles pero como non é o caso dareiche as grazas por comentar e dar a coñecer esta situación.

 
At 8:32 AM, Blogger amauta said...

hahaha...

Dacordo meu! Pero aquí di a bióloga coa que emparento que moitos de nós temos até un 40% do noso ADN mitocondrial asiático, africano, etc. Inda que sexa absurdo.
Por exemplo, o RH negativo é unha característica moi estendida en asia. Se eu tivera Rh negativo podería dicir que son asiático?

Agarod que servira a reflaxión para algo.

Deica!

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis