PRANTO POR KIMITAKE HIRAOKA ( E OUTROS PENSAMENTOS ESCUROS)
“O valor dun home revélase cando a súa vida se enfronta coa morte”
Yukio Mishima (escritor xaponés)
Cando os días son convulsos, un vai ciclicamente volvendo aos mitos que lle son propios e ensoña de vagar novos mundos e novas culturas. O exotismo próximo de Xapón contén o meu pensamento perto das Illas e das flores da cerdeira que xa explotaron de norte a sul por todo xapón ben entrada xa a primavera.
Sería sinxelo dicir de Mishima (a quen eu evoco neste título baixo seu verdadeiro nome, Kimitake Hiraoka) que foi un ser ancorado no pasado da gloria imperial do Xapón máis militarista e máis fanático de si propio. Sería sinxelo culpalo dos seus delirios de morte por honra, como expresión da frustación da sociedade asoballada que lle envoltaba. Sería sinxelo dicir que a súa obsesión pola grandeza do Xapón da era Heian, o gusto pola contención e pola austeridade nas formas foron produto de ensoñacións fascistas. Pero nembragantes, a reflexión vai por outro camiño.
Poderiamos plantexar o retroceso a un pasado que reivindicamos desde un punto de vista nacionalitariamente positivo? Quer dicir, é viábel (desde a esquerda) reconstruirmos o pasado para edificar un presente que nos está a asoballar? É lícita a crítica a Mishima polo seu acerbo patriótico?
Existe un nacionalismo que positivice o patriotismo desde o propio pasado? Na nosa situación histórica e política como pobo diferenciado sería perfectamente necesario. Pero como se practicou desde a galeguidade esta reconstrucción?
--------------------------------------------------------------------------------
Penso que é un bo momento para reflexión, sen que nos entren gañas de filosofar sobre a saudade nin sobre o sexo dos querubíns. Enfrotámonos a unha situaciónde retroceso inédito nos nosos dereitos lingüísticos. Que os nosos fillos ou netos estean en disposición de recibir menos ca nós nesta materia fainos plantexar as incógnitas con certos medos. Faise necesaria porén unha alternativa desde os movimentos sociais. Unha alternativa apartidaria (que non apolítica) que sexa quen de soster os pasados sobre os que construimos a identidade do presente. O Día das Letras Galegas que se nos vén diante non é un fetiche literario, nin unha proba de valentía para o activismo do país. É o punto de inflexión dunha derrota que acontece desde que o primeiro irmán de terra ten que deixar a súa vila natal. Que acontece cando as falantes son obrigadas á xenuflexión diaria. Que se sostén na falta de trasmisión dos valores nacionais de pais e nais cara os vástagos da tribo. Que se representa nos sorrisos falsarios dos coudeis do engano (dígase UpyD, Galicia Bilingüe, ou PPdG).
Mentres, para non cairmos en desesperacións inúteis e apocalípticas convén reactualizar os plantexamentos para revitalizar o idioma. Sen condicións.
Tome nota quen a deba tomar.
Amauta Castro
Girona, 04/05/09
amautacastro@hotmail.com
1 Comments:
Genial post and this mail helped me alot in my college assignement. Say thank you you as your information.
Post a Comment
<< Home