Xa sei, xa sei que é un pouco provocador de máis o título deste post, pero a realidade é que relata algo do que veño reflexionando desde hai tempo.
A ninguén lle sorprenderá a utilización política do deporte (en xeral), pero moito máis en concreto do deporte no seo do Estado Español. Pois ben, non é que os deportistas sexan parvos nin moito menos senón que adoecen dos mesmos problemas políticos que o resto da poboación normal. É dicir, adoecen do bipartidismo maioritario dos case 20.000.000 de españolitos que votan polas dúas opcións políticas coñecidas por todos.
Lonxe diso sempre hai honrosas excepcións. Por exemplo no deporte basco, e moi en concreto nas súas disciplinas máis tradicionais pero tamén nas maioritarias. É ben coñecido de todos que non poucos futbolistas bascos participaron de opcións políticas abertzales dun modo bastante aberto, mesmo presentadose ás eleccións como foi o caso de Iribar ou Arconada. Negándose a particpar das diferentes seleccións deportivas españolas como Aranburu que desde novo se apartou dun modo explícito por motivos netamente abertzales.
En Catalunya (é dicir no territorio do Principat), a cousa ten tamén os seus claros e sombras. Non pensemos que todo o mundo ten a enteireza de aturar toda a presión mediática que reciben este tipo de deportistas de elite, e mandar á merda as distintas federacións deportivas ou a competicions da entidade duns Xogos Olímpicos ou uns Campionatos de Europa.
Se temos (ou tiñamos ) a Oleguer Presas, sempre colaborador e solidario coa lingua catalá e cos diferentes movimentos sociais filo-independentistas do país. Ou o caso da equipa de rugby de Perpinyà (Catalunya Nord) , os Cataláns Dragóns que se pasean por Europa enteira cantando o hino catalán e vestindo unha senyera como camiseta.
Ou a selección española de Hockey que acaba de proclamarse campiona do mundo está completamente integrada por xogadores e técnicos cataláns. Non usa nin o escudo, nin as cores de España na súa camiseta, e por certo non se lles deu bóla ningunha.
Temos tamén exemplos do contrario. Xavi e Puyol pasearon en moitas ocasións cunha estelada curante as diferentes celebracións dos títutlos do Barça, pero tamén non dubidaron e "desfrutar" dos trunfos da selección española de futbol onde niguén dubidou da súa digna españolidade. Caso tamén de Pau Gasol, que malia apoiar todo o movimento a prol das seleccións catalás non dubida en facer spots publicitarios para a cadea televisiva Cuatro, onde directamente vitorea a "España".
No noso caso, o caso galego. Só salientar ao eterno Nacho, gloria da galeguidade, que se manivo inalterábel cando a chamada desa mesma "España" se lle viña enriba. Pero fóra del, pouca cousa. Si, Fernando Vázquez fala galego...Pero e do resto?
O xogadores da Irmandiña non falan galego nin para a propia retrasmisión da TVG. Non cantan o hino, porque sinxelamente non o saben ou non lles peta. Oscar Pereiro anda ben perto de posicións filo-españolistas que xa se teñen retratado neste blogue. David Cal, tamén non fala galego e di mesmo sentirse presionado polo anterior goberna da Xunta.
Falar de seleccións nacionais no Estado Español é algo complexo pola propia realidade xurídico-política das diferentes federacións. Pero tamén o é, porque os propios deportistas NON QUEREN, moi ao noso pesar.
En todo caso, non perdamos a espranza, mais nada.
Amauta Castro
Girona, 19/07/09