BASILEA, CIDADE DAS ARTES
Nunha nena de seis anos que naceu en Basilea
e cantou para min a Internacional en idioma galego e non
puiden rete-lo pranto e foi en mil novecentos
setenta e catro, e por ela
reclamo a libertade pró meu pobo.
De Reclamo a libertade pró meu pobo, en Con Pólvora e Magnolias (Heriberto Bens)
Foron días de folerpas e tranvías quentes esvarando polas encostas viguesas (adxectivo) da vella cidade de Basilea (Basel, en lingua alemá, dialecto alamánico do alemán superior). Penso nembargantes, na tradición racionalista e honesta do meu europeísmo encriptada no xermanismo enriquecedor da universal obra de Erasmo, noutrora profesor da universidade de Basel.
A historia de Basel está fortemente ligada á escritura e á imprenta, mais tamén á arte contemporánea, cousa que non quero deixar pasar sen comentar. Para os que somos amantes deste tipo de inutilidades recomendo a Beyeler Fondation. Edificio de arquitectura orgánica que contén no seu interior desde principios da década dos 80 unha ampla colección de arte contemporánea clásica e no que tiven a sorte de poder desfrutar dunha exposición de action painting. Videos de Alain Resnais sobre Jackson Pollock, esculturas de Alberto Giacometti na exposición permanente, Mondrian, Picasso, Kandisnky, Morris Louis, Léger (que proximamente aparecerá pola Fontana d’Or de Girona), etc. Alén da Beyeler, a cidade está repleta das esculturas móbiles de Tinguely, magnolias e cerdeiras en flor, e unha terríbel ausencia de automóbeis que gorece con silenzo as rúase mesmo os mercados.
En Basilea pódense comprar bolachas de canela e améndoa ao lado dunha galería que vende orixinais de Chagall por 23.000 francos suízos. Mágoa non poder chamar a Cofidis nese mesmo intre para afogar a miña pobreza nun fetiche artístico de primeira magnitude.
Prantos aparte, a presenza ineludíbel da galeguidade nesta terra non é cousa só da nena de Heriberto Bens senón tamén de Brokers Fandiño ou a irremprazábel GaliSuis (compañía de buses que cobre os traxectos que unen Galiza e Helvecia). Perto do porto do Rhin unha señora mirou cun amplo sorriso ás verbas que compartiamos Ada e mais eu, como quen recoñece a lingua nai co nervosismo da ledicia. Serán cousas da galeguidade pensemos, pero radicarse en Basilea é vivir no terreo das fronteiras, espazo no que moitos de nós nos sentimos especialmente cómodos. Será cousa da galeguidade...
Amauta Castro
Girona26/03/08
amautacastro@hotmail.com