Palabras de Amauta

Thursday, December 20, 2007

GADDAFI E O BUFÓN D’EL-REI






Desta volta, a chegada de Gaddafi a territorio europeu, en primeiro lugar a Portugal e máis tarde a Francia e ao Reino de España, amósanos un motivo máis que razoábel para a reflexión e mesmo a discusión.
Resulta que para o conxunto do xacobinismo mediático español e francés, o actual Irmán-Líder Gaddafi (é así como se chama ao outrora Coronel Gaddafi) provoca unha velada autocensura e un silandeiro uso da política de xustificacións varias ou colateralismo diplomático moi de moda no xornalismo. O cerne da cuestión é que o noso benquerido Bufón d’el-Rei, aquel que menosprezaba as reprimendas dun pequeño país como Nicaragua, aquel que osou increpar a un xefe de estado como Hugo Chávez (democrático neste caso e non educado ao abeiro de rexime algún ligado ao fascismo e/ou oligarquía algunha). Aquel que tardou longas horas en aparecer na longa noitiña de 23-F (lembremos que o primeiro líder institucional en condear o Golpe foi Jordi Pujol), ese mesmo que non ten as contas claras e do que pouco sabemos dos usos privados que fai da súa vida (exceptuando as historias de caza maior na compaña de Simeón de Bulgaria), pois ese mesmiño señor é o que NON LLE DÍ “POR QUÉ NO TE CALLAS” a un home que ao meu entender humilde e esquerdento, dista moito do que levou a cabo unha revolución aló polo primeiro de setembro de 1969.
Muammar al-Gaddafi (así transcriben a meirande parte dos medios europeus o seu nome árabe), xa non é o líder revolucionario de antano. Aquel que puña en xaque a occidente e que se federou con Siria e Exipto. Aquel que deu azas de ferro a Palestina é agora un boneco que vale 10.000 millóns de euros e que está nas mans de Nicolás Sarkozy. Explícome, certo é que trala caída do mundo árabe-baath e do Muro de Berlín, a soidade na que se atopan ou se atoparon distintos movimentos sumamente lexítimos (coma o de Gaddafi e outros) posibilitou diferentes situacións pouco agradábeis. Uns superaron as dificultades cum laude, caso de Cuba que superou o chamado Periodo Especial con sobresaínte (mesmo retirando o estigma da dolarización e sendo a primeira economía de América Latina en crecemento bruto). Namentras, outros naufragaron no personalismo, caíron nun colonialismo ruín cos que lles rodean e exerceron de xendarmes a soldo do poder chegando mesmo a prácticas xenocidas e de limpeza étnica.
Falo porén, do caso libio, do caso da noxenta deriva de Gaddafi. Gaddafi, o agora Irmán-Líder, o que guerreou sen tregua coa probreza estrema do Chad por uns míseros gramos de uranio. O amigo de Charles Taylor, señor da Guerra de Liberia, manchado polo brilo dos diamantes a prezo de balas (condeado por venda de armas a tamén a Togo, Níger e Costa de Marfín). Gaddafi, que fora guieiro de Thomas Sankara (irmán meu e Capitán de África, non me cansarei de lembralo) é agora o caxato no que se apoia o ditador de Burkina Faso Blaise Compaoré (reelixido eternamente presidente). O azote do imperialismo, Gaddafi xendarme da Françafrique de Sarkozy a cambio de 10.000 millóns de euros en contratos para empresas galas. Gaddafi, irmán do Frontex con case 400 mortes “sen explicar” entre os campos de refuxiados eritreos e 60.000 inmigrantes ilegais acinados a espera de devolución (prezo que non lle importa pagar a cambio do que Italia poida darlle altruistamente). Ese Coronel do pobo que escoitaba a Palestina coa oliveira na man é quen tamén de submeter ao pobo Amazic (ou bérbere), minoría étnica en Libia, á persecución tenaz e ao apartheid noxento do imperio lingüístico arabista.
En conclusión, Gaddafi e o Bufón d’el-Rei enténdense, os medios de comunicación trivializan o insulto que supón Gaddafi para os dereitos humáns (e tantos outros) mentres sepultan a Hugo Chávez (diso se trataba) e elevan ao Xefe de Estado á categoría de heroe. Eu finalmente, mostro o meu total desprezo por quen vendeu a Revolución de 1969 ao seu culto persoal e a quen por imposición detenta a xefatura do Estado nun reino que cuspe sobre calquer tipo de tradición democrática ao tempo que sauda con forza o seu único interese, a ilegal supervivencia das elites.
Amauta Castro
Girona, 20/12/07
amautacastro@hotmail.com

2 Comments:

At 8:42 AM, Anonymous Anonymous said...

Asistíuche o corazón e a razón na maneira de escribir o artigo. O final é un epifonema digno dos millores romances.
(Xa máis de chasca) O Gaddafi da caricatura lémbrame muitisimo a Saramago.

 
At 1:40 AM, Anonymous Anonymous said...

Ola meu,
Dentro de pouquiño vemonos (ou miramonos, dialecto vigues) na Terra...
Saudiños!

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis