Penso que en clave transnacional, que bascos, galegos e cataláns, pretendemos oferecer no marco do Estado Español ( con máis ou menos inxerencia da lei de partidos) unha alternativa diferenciada á política municipalista.
Por unha banda, os esforzos gallaecianos por crear novas iniciativas locais, máis ou menos aglutinantes, teñen prendido con precariedade sobre unha realidade adversa. Unha realidade na que subsiste unha reconcentración do voto darredor das tres opcións que no marco nacional galego levan casesque o conxunto dos sufraxios. Alén das comentadas opcións, aparecen no cenario novos proxectos que supoño terán unha sorte limitada pero que por arriscados merecen o premio de seren o único lábaro do resistencialismo político da esquerda. Xurdidas deste novo pulo acontecen en Vigo, Ponteareas e Cangas varias agrupacións electorais nidiamente nacionalistas que recollen o espectro histórico do nacionalismo de raigame social e o movimento xuvenil. Testemuñas elas dun contexto sumamente negativo no que pode que somentes fique todo niso, nunha aventura probabelmente tildada de soberanismo de salón e de voto inútil polos que desde hai décadas “andan noutras cousas”. Fiquen comigo os seus soños, os soños deles, da xente irreductíbel, dos anceios transparentes e inigualábeis daqueles que inda invicto o inimigo seguen a loitar pola imposíbel vitoria.
Noutro punto se sitúan as plataformas electorais bascas. Das presentadas entre as dúas liñas de acción electoralista (ANV e EAB) na circunscripción española de Bizkaia ficaron ilegalizadas o 80% das listas de ámbalas dúas formacións, en Gipuzkoa o 50% e en Nafarroa e Araba un 40%. As correntes abertzale-socialistas, xa sexan en listas brancas ou en listas oficiais, non se poderán presentar en varios feudos históricos da esquerda independentista basca (Andoain, Ondarrua, Etxarri-Aranatz, e mesmo en Bilbo). Un outro exemplo da represión xudicial española sobre un sector ideolóxico que abrangue arredor de 150.000 votos somentes no territorio da comunidade autónoma basca. Un paso máis para a fin das negociacións, que podo dicir.
Doutra banda, desde o meu bairro miro Girona con novas expectativas. Das Candidaturas d’Unitat Popular, a de Girona está a ser un bo achádego para os que cremos nunha outra forma de facer política desde a esquerda. Do traballo destes últimos anos, creo non ser o único que cre que desta vez o primeiro rexedor da esquerda independentista en Girona está ben perto da lista de CUP. Desde que cheguei a chan gironí, hai dous anos e medio, tiven certo interese na tarefa que se estaba a desenvolver desde as CUP’s das distintas zonas dos Països Catalans. O resultado é máis que positivo, descoñecendo iso si a dinámica interna, podo dicir desde o exterior que se están a facer ben as cousas. A CUP de Girona semella un colectivo ben coesionado a partires de membros históricos do independentismo da comarca e a xente moza que se viña aglutinando entorno aos Maulets e ao sindicato estudantil CEPC(agora reunificado e rebaptizado coma SEPC). A súa acción social ten coma vértice o casal independentista El Forn, bastante activo no último ano (trátase dun local social ben situado e que se vén xestionando dunha forma semellante aos que operan na Galiza). Dicía pois, que a CUP semella un colectivo ben coesionado, unha especie de asemblea onde a esquerda independentista pouco a pouco se fai maior e vai acadando certos reptos históricos que até o de agora semellaban lonxanos.
Á CUP de Girona saironlle ben o movimento asembleario contra o vial das Hortes de Sta. Eugènia, as mobilizacións contra o PP e o Rei, as loitas estudantís contra o proceso Bologna, as convocatorias comarcais da Diada Nacional de Catalunya, as festas pola lingua, e a presencia cotiá e inda limitada nalgúns medios impresos.
Os eixos da súa campaña son claros, educación e coesión social, lingua e cultura popular, dereito á vivenda, mocidade, e defensa do territorio e dos recursos. Alén diso, foi permeabilizando o seu discurso ás achegas autoxestionarias dos distintos Centros Sociais Okupas de Girona, ao modo ecoloxista sufragado por Els Verds-Alternativa Verda (que forma parte da lista), e mesmo á loita antirrepresiva dos encausados e engaiolados pola coñecida “Operació Estany” e do caso da anarquista Núria Pórtulas.
Todo sexa ben dito, as cousas ben feitas ben saen, pero os 2000 votos que se antepoñen para acadar un concelleito en Girona, semellan un muro elevado malia o esforzo exercido.
Eu seguirei asexante, á espreita dun futuro de participación e ruturismo democrático merecido. Da miña solidariedade coa esquerda abertzale non pretendo gloria, mais si para os pobos que resoan no meu peito. Destes medulios que ecoan non espero grande cousa, pero por mérito dos que neles loitan quero expresar co meu alento, camiños de redención non-armada e brados formulados con desasosego para aqueles que inda non son nesta sociedade sentinela dos poderosos.
amautacastro@hotmail.comGirona, 21/05/07