os camiños da vida
A posgaleguidade imaxinada
X.L. Méndez Ferrín
“¡Yo nunca leo a mis contemporáneos!” –exclamaba, estupendo, Max Estrella. Eu adoito ler os meus contemporáneos (una excepción: a dos contemporáneos que non me interesa ler (nin ver, nin ouvir). Entre os que leo áchase J.J. Moralejo. Escribe este lingüista e amigo sobre a posibilidade, que el non desexa, dunha Galicia na que o idioma propio deixase de se falar e na que todos falasen o de Burgos. No xornal que fai do odio ao galego un pretexto de vida, Miguel Anxo Murado expón con naturalidade que ningún galego vivo verá o idioma galego morto. Grande verdade.
Eiquí e acola, coma a herba de Cunqueiro, nace a nosa dor pola extinción do idioma, e fálase diso. Terá que ver, digo, o feito de que 23.796 veciños de Galicia votasen nas pasadas eleccións polo partido da vascoepañola Rosa Díez. O voto a UPyD claramente contra a lingua galega. Un voto a favor da desaparición do noso idioma, posición suicida que tamén se proxectou nos sufraxios ao PP e aínda á dimensión lerrouxistas do PSOE. Masas do pobo galego, xa non falo en votos, consideran a súa lingua inferior, innecesaria, prescindíbel e non lla traspasan aos seus fillos e netos. Naturalmente existe a corrente contraria e esta chámase nacionalismo e vén sendo ideóloxica e culturalmente hexemónica desde Sarmiento e Murguía a acó.
Eu fólgome de ver os contemporáneos atrevéndose a imaxinar unha Galicia posgalega. Se cadra ese exercicio de imaxinación e utopía sexa bon para perpetuar a nosa lingua e para ser conscientes de que todas as políticas lingüísticas practicadas desde a morte de Franco a hoxe conducen ao esmorecenento do galego e á hexemonía do castelán ou, se o prefiren, español (por min, encantado).
A Galicia posgalega será fea. Os nomes de Rosalía de Castro ou de Castelao serán retirados das rúas e sustituidos polos dos herois pioneiros a “Galicia Bilingüe” que abriron o camino para a loita final. Algúns anciáns recordarán con orgullo que un seu trasavó estivo no combate anti-galego, pro el levará sempre coma estigma o apelido Pousada, cen por cen galego, e terállo que transmitir aos seus descendentes coma un emblema da traición. Moi pouquiños Brais ou Aldara, falarán castelán pero non saberán nada da orixe do seu nome de pía. Na Galicia posgalega a mayoría das persoas levarán apelidos galegos como Fernández (e non Hernández), Ferreiro, Cameselle, Ribadulla e milleiros máis, pero eles non saberán por que os usan.
Outros terán apelidos mestizos (Rajoy, Feijóo) pero non lles dirán o segredo de que tal mestizaxe indica a razón da perda do idioma galego. Os nenos de Vigo non poderán aprender na galescola os poemas de Martín Codax nin de Mendiño porque están escritos nunha lingua que non é a súa porque a lingua dos alumnos posgalegos será a do Cid Campeador. En canto á paisaxe, seguramente persistirá nos seus termos básicos. O Courel, o Hío, o Galiñeiro, o Xurés, a Capelada, o Miño, o Ulla, A Coruña (co artigo que queiran ou sen el), os nomes dos lugares, das cidades, dos accidentes xeográficos non poderán ser mudados e seguirán en forma galega (mesmo na forma galega que perpetúa e perpetúa a existencia fantasmal de linguas prelatinas). Os falantes castelanizados da Galicia posgalega terán que convivir cun universo toponímico que cada día lles recordará a defección, a colonización e a derrota. Os habitantes posgalegos de Galicia non serán nada e ao mellor, senten vergoña.
Seguiremos facendo o posíbel porque a Galicia posgalega nunca chegue a existir
Nesa bitácora de anos que son os venres d'Os Camiños da Vida, o Vello que Sabe deixou cair estas letras que axuntadas semellan darlle un nome se cadra non tan irreal: posgaleguidade.
Dicía outro Vello que Sabe, neste caso Basilio Losada, nun libriño descatalogado xa de principios dos 80, que o idioma galego desaparecería indefectibelmente nun proceso de menos de 200 anos. E concordo, mesmo quero expresar que este proceso está a dar os seus primeiros pasos nesta última década (ou nas últimas dúas décadas). Non hai que ser sociolingüista, non fai falla ser un visionario, nin un profeta da linguaxe. Esmorece a chama, ecoamos na caverna coa voce da derrota e non collemos rumo.
Que facer diante destes días pésimos de Maquieiro Feijóo, do rouco són de Rouco, do pesadelo tremendo das folerpas mortas no amargo viño do suicidio. Que facer nunha outra vida ergueita na posgaleguidade dun feito que deveu imposíbel e quen sabe como.
Non quero ser testemuña desta aldraxe escrita nos nosos corpos para rexouba dos maldizoados pailáns que nos andan á espreita.
Amauta Castro
Girona, 24/03/09
amautacastro@hotmail.com