Palabras de Amauta

Sunday, February 25, 2007

ÁREA CARIBE




Reteño
as compiladas melodías dos primeiros pasos
dos días iniciais
Penso nas loitas que amenceron cedo en
San Cristóbal de las Casas
Granma
Managua
E arquivo internacionalmente as fotos
da poesía daqueles que victoriosos ou non
(lembro acedamente
tamén as caídas
como níscalos sen flor na morte do indeciso
do desertor
do apátrida)
daqueles que victoriosos ou non
acordan invisíbeis como guerreiros
ou deuses non tan antigos

Amauta Castro

Girona 25/02/07

Wednesday, February 21, 2007

UN ANO DE PALABRAS DE AMAUTA

É sinxelo, non farei reconto ningún, tamén non elucubracións sociolóxicas sobre o impacto dos blogues na cultura popular. Non. Somentes dicir que este pasado ano de páxinas escritas é froito dunha iniciativa persoal movida pola obsesión de comunicarme. Acadada ou non esta finalidade, continúo a peneirar o gran e as miñas palabras, aquelas que non deixei nas rúas de Vigo, estampadas sobre un fondo de guindastres e vapores que agora me atravesan coma ramblas fluviais dunha terra nova.

Grazas, por entenderme.

Amauta Castro
Girona 22/02/07

Sunday, February 18, 2007

DE MEMORIAS...




A memoria é o espacio da reapropiación
María do Cebreiro, Estadio do espello

Berro avoa en Teis para dicir que xogo e son neno
que argalla combates de pedras entre os crucificados da tebra
que espiñan os brazos á beira do muro
e fican deitados para o nunca
aló na encosta das Coutadas

Amauta Castro
Girona 16/02/07

COTLLIURE, CATALUNYA NORD



Fronte á presenza inesquecíbel da tebra
e os gaznidos do avutre que a sobrevoa
pregunto nembargantes
quen formulou as ondas despaciosas da noite
cando enxergan posíbeis
e danzan nas dornas perdidas que transitan o inverno?


Amauta Castro
Girona 18/02/07

Tuesday, February 06, 2007

LENGA D’OC



Vaqui l’aubo que moun amo esperavo pèr s’escarravinha!
Frederic Mistral

Velaquí o abrente que a miña alma esperaba para acordar!

Consonte desaparez a prolongación rosellonesa de Catalunya en Salses, inda sen flor abrolla a lavanda polas terras do Midi francés. Destruída Occitania pola Francia-de-Montfort, percorren o meu imaxinario as fervenzas poéticas de Mistral e Peire Vidal.


Occitania constitue agora o centro das miñas Cassitérides. Do transo occitano proveñen as impenitencias lingüísticas do meu país, lañado se cadra coma os regos agrícolas de Gothia ou coutado da miña mente polo sangue deitado en Saler. Afonso Henriquez agallopa nas miñas dúbidas. Maldito dígrafo da discordia (grupo latino –nn-, evolución?), campo agora polo verdadeiro país do –nh-.

Amauta Castro
Girona 06/02/07

Friday, February 02, 2007

SUCESO ANTES DE ABRIL: PORTUGAL AMEAZADO





Suceden en Abril as flores cada ano
(cantos apagados dun cisne morto coroan os fusiles
con luminarias vermellas)

Escoitade esta fórmula de historia hipotecada que se desdirixe en outeiros e freguesías
perdemos o brado extenso
imposibilitándonos para encetar a victoria

Amauta Castro
Girona 30/01/07

Deste xeito soñei Portugal neste xa pasado mes, se callar polo naufraxio das pensións e da socialdemocracia máis magoante de todo o iberismo. O caso é que o primeiro ministro Sócrates quer dobregarlles a cerviz aos irmáns portugueses cun ataque á liña de flotación da cobertura social portuguesa. Xubilacións aos 66 anos no canto de presión fiscal sobre os grandes capitais. Xustificar a terribel ignorancia, Portugal ameazado, un suceso.

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis