Quen xa ben coñeza a traxectoria de Álvaro Cunqueiro, dirá que o que agora subliño non é cousa de se abraiar.
Fedellando na busca de distintas autopoéticas galegas dei en atopar unha especie de declaración autógrafa de Álvaro Cunqueiro. A edición do Consello da Cultura Galega é un facsímile do conxunto “Autopoética e poesías” do ano 1935. Nela aparecen dous poemas en lingua catalana escritos do puño e letra de Álvaro Cunqueiro. Un primeiro de tipo neotrobadoresco e adicado a Tomás Garcés (amizade catalana do autor), e un segundo adicado ao poeta Josep Carner.
Malia a sorpresa a miña decepción é grande polo descoñecemento dos devanditos poemas en idioma catalán. A edición facsimilar é do ano 1991 así que para os estudosos do tema non é ningún descubrimento.
Aprofundando, é en 1994 cando o Profesor Alonso Montero en colaboración co lectorado de catalán da Universidade de Santiago de Compostela publicou na revista Madrygal un pequeno estudo sobre estes dous poemas. Dinos o Profesor que destes poemas tiña coñecemento Filgueira Valverde na época e que malia ficar esquecidos até 1991, xa foran analisados pola revista grial en 1981. E que sendo tamén Cunqueiro, home de amizade co propio Carles Riba (poeta de ampla importancia), vése influído por éste na súa incursión en catalán e axudado polo devandito Garcés (desde a ortografía).
Por outra banda, a omnipresente e clarificadora Helena González deixa constancia, co gallo da publicación en territorio galego do libro “Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas” ( en Ediciós do Castro), da existencia dun volume adicado á poesía galega escolmado por Tomás Garcés ( “Deu poemes gallecs” volume no que aparecerían Rosalía, Manoel-Antonio e o propio Cunqueiro entre outros). Semella que Garcés era lector asiduo da revista Nós e d’A nosa Terra.
Cousas da vida, un acaba chegando ás cousas que importan con retraso. Faremos autocrítica, seguiremos pescudando en Cunqueiro, por ser teima familiar (dixo falarei cando sexa o momento axeitado). Para vós, deixo neste blogue a versión autógrafa dos dous poemas, “La nit és bruna” e “Cantiga catalana”.
Amauta Castro
Girona 11/11/06