Amiri Baraka, Afroamérica poética e insurreccional
Dentro do estado de represión no que se desenvolven as cousas após o 11-S, detéñome a reflexionar sobre a realidade da minoría pensante do Imperio USA. Vivir a náusea no día a día, apreséntaseme incríbel diante de persoeiros da talla de Inmanuel Wallerstein ou Noam Chomski, por citar a algún.
Pero, toda esta realidade persecutoria fáiseme dificilmente superábel cando lle sumamos o apartheid político, o odio étnico e os principios ultra-inquisidores da comunidade evanxélico-fundamentalista. E desa suma sáeme a opresión sobre a poboación negra máis consciente. Este grupo de intelectuais negros, islámicos e anticapitalistas que xurdiron nos sesenta froito da represión dos líderes negros (Luther King, Malcolm X) e que lle virou as costas ao mundo dos brancos para promocionar as diversas formas de desobediencia da poboación negra.
Nembargantes, non falarei de Panteiras Negras, nin de Black Power, nin do hip-hop de Afrika Bambaata. Falo do achádego de toparme coa obra do escritor Amiri Baraka (antes Everett LeRoi Jones), e que foi recentemente criticado pola súa posición tralo 11-S. Baraka, fondamente revolucionario, culpa directamente ao goberno federal de ser o causante das mortes dunha amplia parte da Humanidade.
Amiri Baraka, estudou na universidade de Howard. No exército entablou amizade con distintos mozos brancos ligados ao mundo Beatnik. Fundou a revista Yugen, onde tamén participaba a súa dona Hettie Cohen (de raza branca). Tras varios trunfos teatrais funda o Black Arts Repertory Theater. Pero é tralo asasinato de Malcolm X, distranciase do mundo branco, deixa á súa dona, e vai vivir a harlem. Inicia o seu xiro ao marxismo-leninismo deixando a súa pegada sobre nacionalismo negro. Actualmente dirixe o programa de estudos negros da Universidade de Nova Iorque.
O seu poema “Alguén fixo estourar EEUU”, marcouno como inimigo potencial da administración Bush. Fondamente beat e lerchán, o poema é un ataque á liña ideolóxica e de flotación das campañas militares do imperialismo ianqui no Oriente Medio (Afeganistán, Iraque, quen sabe se lle tocará a Irán).
Un dous tres VIETNAM repitamos!
Fragmento de “Alguén fixo estourar EE:UU.”
(...)
Coma un canto fúnebre de curuxa que estoura
na túa vida no teu cerebro no teu ser
coma unha curuxa que coñece ao demo
toda a noite, todo o día se escoitas. Coma o canto dunha curuxa
que se convirte en lume. Escoitamos abrollar as preguntas
entre labaradas terríbeis coma o asubío dun can entolecido
(...)
Amauta Castro
Girona, 22/05/06