24, 25, E 26 DE XULLO
Do mesmo xeito que o 11 de setembro lembra asemade a Diada e o asalto ao Palacio de la Moneda, do mesmo xeito que as colunas revolucionarias entraron n’A Habana en 1º de xaneiro tal e como o EZLN tomou a comisaria de San Cristóbal de las Casas na mesma data décadas máis tarde. Dese mesmo xeito, a triple xornada de loita se fai xa perto penso que debería ser parte da axenda revolucionaria non só de galegos e cubanos senón do mundo enteiro.
Se o 25 de xullo é o incontestábel Día da Patria para todo o territorio galego (día porén de reivindicación da crebada unidade nacional do noso país), o 24 é unha celebración tremendamente contestataria cando as rúas de Compostela que alguén enchera de cítolas e paisaxes saxofónicos, se reatopan no devalar pétreo dos croios estoupados contra as estrelas do ceo. Cousas do resistencialismo estético e da poética naïf do desconsolo tinxido de salouco polo agromar nacional que non chega, impotencias varias das que non son alleo por ser parte afectada polos silentes laios dunha terra sementada de anceios fantásticos só posíbeis no alén dos soños nunca-perdidos.
Do 26, unha lembranza casesque arqueolóxica polo recendo dos días do movimento patriótico que levou aos irmáns Castro (entre outros próceres) a asaltar o célebre Cuartel Moncada anos antes de preparar en terras mexicanas o desembarco do Granma ao auspicio do ollar dun mozo arxentino chamado Ernesto Guevara, golpeado daquela pola idea da morte (como confesara a misiva de despedida dele propio lida antes da partida á morte polo chumbo en La Higuera, Bolivia). Todo sexa dito polo Movimiento 26 de Julio, parte tamén activa das miñas arelas para a absolución histórica dos seus pecados, se é que os houbo.
Do resto pouco máis que dicir que esta pequena arenga. Os meus pasos van por vez terceira a Italia. Agardo só que as pedras do Duomo de Milán leven a sinatura dun arxina que por lonxe que me atope fale co repiquete dos burís da terra que me queda se cadra máis lonxe que de acotío.
Un saudo adiantado aos que por sorte, desfrute ou convicción vos atopedes por terras irmandiñas. Tomade con forza o camiño que inda non desandamos, por forte que bata a inxustiza.
Amauta Castro
Girona, 16/07/08
amautacastro@hotmail.com
3 Comments:
Boa viaxe pois!
por aquí son tempos de maletas e caixas,
o 25 lembrareime dos viaxeiros, sen dúbida!
OK...Nós tamén nos lembraremos das valldaurencas e da xente da banda de Laíño!!
A mandar!
"Papádeo ben" por Compostela!
(cantei o himno a catro voces, a miña e a dos que estades lonxe)
Post a Comment
<< Home