O TERRÍBEL ÉXODO DE CAROLA KLEBIT
Carola Klebit, finlandesa con pasaporte ianqui, nacida en Helsinki, 69 anos de idade, residente en Ripoll (Girona)...
Helsinki 1936
Mai Lea fixéraa fóra da mornura no día eterno de Helsinki aló polo día primeiro da primavera e cedo pasaron tres anos de pouca significancia para a República e para Carola. Pero os paxaros de novembro furaron daquela o chan de Helsinki e os teitos da Catedral Uspenski. Na vella Carelia, Von Mannerheim tradeara as colunas vermellas da frente militar e sementáranse de castelos as parroquias do Ladoga. Pero non houbo quen de rexeitar o roubo, en meses os bosques de ulmeiras e fentos desfixéranse en labaradas e pouco antes do desxeo veu a capitulación. Cada metro de fronteira perdida, cada ánima, cada vento que asubiara desde Carelia era un verso de Lönnrot ou o xugo dunha eira improductiva.
Paavo, seu pai, levou a cativa lonxe da escola e Mai Lea tiña a casa arrombada nunha maleta. Emigraron, deveu entón o tempo do ferry e o mundo asulagado, atlante. E finalmente, a porta do Leste, o novo xigante, o continente estrano. Era a Nova Iorque das colas de entrada, do bafo dos trasatlánticos. Para Carola a imaxe de Hiroshima inda fumegaba na conciencia cando non por estudiada nos colexios, cando non por reiterada emisión do aparello televisivo que ninguén tiña en Helsinki. (...)
E rompéranse as idades, os homes recoñecidos, os tempos dos iconos ficticios. Os piñeiros negros de Ripoll proxéctanse por unha necesidade unívoca en Carola: a permanencia.
Entre nós sexa o Sinaí disfrazado de porvir porque ás veces somos a suma de diferentes éxodos.
Amauta Castro, Girona 14/06/06
1 Comments:
Parece unha poesía galega dos anos noventa, aqueles da busca da mitoloxía e os lugares da grecia clásica. Épica e lírica nun mesmo soprido.
Non é unha pregunta. Deixémolo así.
Post a Comment
<< Home