Ensinanzas sobre a emigración (I)
O pai de Migueliño
O pai de Migueliño chegaba das Américas e o rapaz non cabía de gozo no seu traxe festeiro. Migueliño sabía cos ollos pechados cómo era o seu pai; pero denantes de saír da casa botoulle unha ollada ó retrato.
Os “americanos” xa estaban desembarcando. Migueliño e a súa nai agardaban no peirán do porto. O corazón do rapaz batíalle na táboa do peito e os seus ollos esculcaban nas greas, en procura do pai ensoñado.
De súpeto avistouno de lonxe. Era o mesmo do retrato ou aínda mellor portado, e Migueliño sinteu por el un grande amor e canto máis se achegaba o “americano” máis cobiza sentía o rapaz por enchelo de bicos. ¡Ai!, o “americano” pasou de largo sen mirar para ninguén, e Migueliño deixou de querelo.
Agora si, agora si que o era. Migueliño avistou a outro home moi ben traxeado e o corazón dáballe que aquel era o seu pai. O rapaz devecíase por bicalo a fartar. ¡Tiña un porte de tanto señorío! Ai, o “americano” pasou de largo e nin tan siquera reparou que o seguían os ollos anguriados dun neno.
Migueliño escolleu así moitos pais que non o eran e a todos quixo totalmente.
E cando esculcaba con máis anguria, fíxose cargo de que un home estaba abrazando á súa nai. Era un home que non se parecía ó do retrato;un home moi flaco, metido nun traxe moi floxo; un home de cera, coas orellas fóra do cacho, cos ollos encoveirados, tusindo...
Aquel si que era o pai de Migueliño.
de Cousas (1926)
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
1 Comments:
Oi!
Como vai todo car@ Amauta?. Espero que a nova vía de comunicación co mundo sexa fructífera.Aconséllolle se quixer, se pase polo blogmillo. Coido que é unha "comunidade de blogs" na que se pode inserir.
En canto ao texto sempre lembro os seis meses de medicación e a recomendación retranqueira dun tal A.Ch (asasino) para que non deixase de lelo. A realidade é cruel, pero a utopía amosa o camiño.
Sega você a tecer as redes que xunguen aos Homes á espera de que o pobo terme da corda.
Saude, Patria e Ranz@s.
B.V.
Post a Comment
<< Home