A resistencia sarda que avanza
Illa: oco insubmiso,
infantil xogo:
xa non estás
entre a túa mesma luz.
Xa rodas lonxe dobregada en todo,
¡Que perfeita e que descoñecida!
illa.
Álvaro Cunqueiro
Unha illa, un anaco de terra que pretende diferenciarse do eido peninsular polo que planexan a decadencia e o desprezo da dereita reaccionaria (dígase Forza Italia, Alianza Nacional e a Liga Norte). E da esquerda sobrepasada polo novo fenómeno de federalización italiano, gorecido polas posicións da Liga Norte no goberno e que vén de favorecer o predominio económico das pequenas nacións alpinas.
Unha illa, que se debate pola súa pervivencia no devir dos séculos e da globalización, fronte á tolemia imparábel da fin dos ecosistemas lingüísticos, fronte á italianización da mocidade, fronte á apropiación dos referentes ideolóxicos de masas (léase Antonio Gramsci, Grazia Deledda, Garibaldi) en mans do estatalismo centralista.
Unha illa, que sobrevive en cada cartaz pendurado, en cada mural, en cada marca de bala, en cada zunido de launeddas, en cada rabaño de ovellas asulagando a campiña e o tempo, tan cadencioso.
Pois ben, nesta eira de complicados sucos fai seitura un movimento nacional de amplo espectro ideolóxico ( que vai desde o mero autonomismo até o independentismo de carácter socialista). Este devandito xermolar, provén no que ao meu entender serían dous procesos diferenciados; por unha banda, o proceso de recomposición nacional sufrido na Europa occidental trala caída do Muro de Berlín e, un segundo proceso máis de índole interna, que catalizado polos sectores socialistas do movimento desemboca nunha forza unívoca independentista IRS (Indipendèntzia Repúbrica di Sardigna).
Esta estrutura partidaria xorde dun intento fallido por unificar os tres sectores interactuantes no movimento sardista. Fallido digo, e iso sóame bastante a certas latitudes que coñezo, visto que del ficou excluído o núcleo autonomista do PSA (Partito Sardo d’Azione), debido a un cruce de intereses políticas do que saíu victorioso Sardigna Natzione (agora integrante da casa común independentista do IRS).
IRS pois, pretende a recuperación ideolóxica dos grandes mitos do sardismo autodeterminista (Simon Mossa, á cabeza) e a reapropiación de figuras senlleiras da Sardeña; lémbranos tamén IRS, a activa entrega da poboación civil pola desmilitarización da illa (puntualizo que 60.000 hectáreas foron base militar estadounidense até hai ben pouco tempo); posúe a central sindical máis forte e numerosa da illa (a Confederación Sindical Sarda), e o sindicato gandeiro independentista Kuilles ( de forte implantación na rexión central da Illa).
Programaticamente, notamos cambios estratéxicos lóxicos nun movimento que agroma nestes últimos anos. Independentismo, pacifismo, traballo asociativo, sindicalismo de clase, antimilitarismo e un internacionalismo solidario coas pequenas nacións.
Diante deste pobo, grandes retos semellantes aos que mastigamos en Galiza. Envellecimento poboacional, un elevado paro estrutural, unha poboación que vive maioritariamente do gando ( e por tanto, dependente dos subisidios chegados desde Roma) e do sector turístico, e unha emigración xuvenil que deixa á Illa coma unha nai que perde aos fillos. Unha emigración que non é nova e que sufriu as mesmas xeiras migratorias que o noso país (América, centro de Europa, e por último as zonas máis desenvoltas do estado italiano). A identificación rural do idioma sardo, que perde falantes mentres comeza a dar pasiños polo seu propio rexurdimento nacional. E un machismo social tinxido de dogmatismo cristián.
Desde estas letras só desexo, que os eidos de Cosima dean froito na seitura, e que o Gennargentu esconda as furtivas miradas das mulleres da Barbagia para protexer ás xentes de casa xenerosa ante a fin das identidades.
Girona, 21/02/06
Amauta Castro
2 Comments:
Saudos! Poucas palabras hai tan propias que o recoñecemento destas latitudes á abeizoada compañeira que escribiu estas letras.
Traballa de vagar pero con espranza, deixando para as xentes da lingua nosa un aceno de teimosa constancia fornte ao adverso.
Bon cop de falç!
** Este post tentárao por hai unhas semanas pero non dera feito. Eis.
Ás vegadas a mesma existencia se torna resistencia é por iso que o centralismo consente millor a vida nas terras posuídas da xente maior entanto que a mocidade é condeada a emigrar física ou culturalmente. As culturas en repregue tendemos a meternos en trincheiras desimuladas e non estamos preparados para compartilas. Así a sopa de letras das siglas políticas. Nunca lera sobre o movimento sardo e si do corso q é máis mentado aínda que permanencen os dous nunha nebulosa, un pouco máis esclarecida agora.
Cunqueiro e con el Simbad, guíannos polas illas deses mares cálidos, coma o Amauta nos guía para noso solaz por esta viaxe internáutica.
Saude!
Post a Comment
<< Home