Francesc Ferrer i Gironès, ou o patriotismo transversal
Però hem viscut per salvar-vos els mots
per retornar-vos el nom de cada cosa,
perquè seguíssiu el recte camí
d’accés al ple domini de la terra.
Salvador Espriu
Veño de asinar o pasado sábado 18 de febreiro, o libro no que varios milleiros de persoas de tódolos recantos das comarques gironines e da vida pública catalana, deixaron constancia do recordo polo compañeiro da xente e teniente de alcalde (independente por ERC) do concello de Girona, Francesc Ferrer i Gironès.
O acontecido con Ferrer i Gironès, non foi máis ca o feche definitivo dunha vida que concluía cunha xa coñecida enfermidade que non o afastou até os últimos días, dos seus traballos diarios tanto na alcaldía coma no xornal El Punt. Ferrer i Gironès deixou de estar entre os vivos legando unha obra feita de pequenos eslabóns, pero que en perspectiva rematou por ser o esquelete dun pensamento meditado día a día, unha coluna vertebral de artefactos liberadores básicos para a contenda diaria.
Eu somentes lembro coincidir con Ferrer i Gironès nun pequeño acto pola lingua en Girona, co gallo do anual Correllengua. A paipa e o xeito de falar, a grande estatura da súa obra, o sentir do hino nos seus beizos dan a idea de que o que aquel home transmitía era o compromiso cun pobo en camiño directo polos dereitos nacionais e sociais. E un decátase de que nos movimentos nacionais de entidade, ás veces sucede que o ronsel da traxectoria dunha soa persoa acaba por mostrar o camiño a outras moitas. Casos coma Agostinho Neto, Nasser ou Castelao rematan sendo referentes para unha cultura nacional, lonxe de plantexamentos liliputienses ou sectarios. Tanto nos ten, afondar agora no compendio ideolóxico de tan senlleiras personalidades, sexa desde un punto de vista político ou doutro, pero todos recoñecemos a excepcionalidade destes homes (e mulleres tamén) capaces de guiaren pobos trala súa estela.
Pero, Ferrer i Gironès era doutra caste. Una deses patriotas que recollen o que sementan, aos poucos, de vagar. Desas persoas que acordan (moi cedo) da cama pensando na loita presente e que se deitan (moi tarde) pensando no mañá e nas posibilidades de victoria que se desprenden da loita. Xentes que, coma Ferrer i Gironès, sustentan pequenos anacos ideolóxicos de nós ( e velaí a súa pegada), xa nos deixan camiño da tebra. Deixan orfa á xente que traballa canda eles, canda nós –nomeo neste caso tamén a perda de Álvaro Cunhal, morto hai uns meses- na procura da proxección das conviccións propias.
Fica pois o exemplo, o camiño incansábel de activismo social e cultural de Ferrer i Gironès polo seu país e pola comarca que desde o inicio da longa noite foi un facho de silenzosa teima pola catalanidade.
Dou pois comezo ás Palabras de Amauta, louvando ao ensaísta, historiador, etnógrafo, e constructor nacional Francesc Ferrer i Gironès,
Des de la nit els teus ulls també veuran
la primavera dels nostres Pobles.
Amauta Castro
Girona, 18/02/06
0 Comments:
Post a Comment
<< Home