Sobre a Hispanidade
Estou de certo magoado e devezo por espancar a vergallazos a ese esmoleiro latricante e de verquinte intelectual que eu persoalmente identifico co poder uniformizador da hipanidade e as súas consecuencias. Éme duro expresar como un pode verse privado da, moitas veces insignificante, necesidade de opinión ou insinuanción da mesma. Creo que a cotío moitas veces un xenera disturbios no viciño simplemente co inofensivo feito da presenza.
Sinto, sen gaña de precisar qué pouco acredito en palabras coma völksgeist ou etnicidade, que para describir a forma de actuar fronte ao colectivo dun hispano ( e aumento, non sen razón, o termo para non cinguirme á verba español) somentes fan falla verbos coma esmagar, impoñer, e un ingrediente máis: a misteriosa capacidade que semellan ter para crer que o que eles transmiten é certo e por tanto, pode ser dito en público e aceptado polo conxunto de xente que os escoite ou observe (en bares, oficinas, rúas...). Véxase coma mostra, os contertulianos filo-conservadores das radios de ámbito estatal.
Este comportamento, que debido ao meu traballo xa teño observado con frecuencia, repítese noutros pobos no que para min viría a representar unha especie de xenreira grand-nationale verbo dos minorizados. Esta subxectiva percepción vénme dada e téñoa comprobado en cidadáns nacionais de países nos que o seu pasado ou presente vése gornecido de ensoñacións patolóxicas de carácter imperialista. Recoñecendo como tal, o imperialismo gran-ruso, o panhispanismo crioulo dalgúns latinoamericanos, o xacobinismo francés ou a reacción fóbica dalgúns españoleiros adictos á homoxeneización de todo aquello que teña que ver coa península ibérica. Tanto ten Galiza que Portugal, Xibraltar que Cataluña.
Pero a disquisición comeza cando, eu propio, incapacitado para desenvolver a capacidade de soberbia (retomemos o espírito central do escrito) natural nos ultras da hispanidade, me vexo obrigado a calar e mesmo a non ter gañas de leria nin no traballo, nin no bar, nin na rúa cando un escoita as badocadas catalanófobas que falan sobre a persecución de castelán-falantes en Cataluña, ou sobre a máis que probada hispanidade de Xibraltar, ou sobre o dialectiño que falan as pobres xentes do noroeste de España de forma cerrada y excluyente. E deixo aquí a enumeración, sen falar do País Basco pois aquí é cando soen chegar os devanditos lerchos ao grao de xenocidio anti-hispano, limpeza étnica, ou algo semellante.
Pois ben, cómo debemos actuar fronte á barbarie do grandioso, do sacro-santo e único, e (moitas veces) do puramente democrático hispanismo? Cómo actuar ante tales consideracións nas que o falante se desenvolve con total normalidade aceptando a súa auto-consideración de paladín da tolerancia, do centrismo político, e da progresismo ben entendido?
Galegos, cataláns, bretóns, quechuas, bantúes temos un problema derivado da nosa capacidade de respecto fronte ao alleo, e na vontade que como colectivo levamos impresa na nosa conciencia. Esa vontade que nos leva a esperar cos ouvidos abertos as coitas peregrinas do próximo, e que nos fai enfeblecer fronte ao convencimento sentimental-patriótico do impostor, daquel que cre estar en posesión da verdade por simple acerbo, ou por pertencer a unha prolongación serodia da Grande Cruzada.
Pero cal debe ser a nosa actitude? Desprezar as palabras co silenzo, respostar combativamente fronte ao adverso? Por un lado, o silenzo non nos axuda; fai que o poderoso reflexe a súa potestade cultural sobre a nosa e faille pensar (na súa ignorancia) na grande capacidade para inspirar a “verdade social” da que (por el mesmo) é acreedor. Pero, é a contestación unha arma da que debemos servirnos? Moitas veces, e falo en primeira persoa, fico inmóbil por aquel sentido de desprezo que me pode xenerar o distorsionado orador, e outras, malia devecer por estourar en mil anacos prefiro torturarme dentro do marco dos bos costumes. Neste caso, por un certo medo ao mesianismo que moitas vesces transmitimos os nacionalistas. Adoezo dunha especie de criterio de dispersión da propia vontade para evitar caer no carácter evanxelizador moi extendido entre os adeptos ás minorías políticas de esquerda, e que tanto pavor produce sobre os ouvintes sen implicacións persoais na contenda. Pero, fóra diso, que hai da verdade e do poder que dela se desprende? Da sinceridade e da necesidade de ser? ás veces recoñezo estar cheo de corpúsculos fragmentarios á espera da detonación, pero cal é o momento axeitado para mostrar a nosa indignanción?
Non, a forza do noso amor non pode ser inutle!
Amauta Castro
Girona, 3/4/06
0 Comments:
Post a Comment
<< Home