Palabras de Amauta

Friday, November 27, 2009

O MEU XAPÓN (primeira parte)



Para comezar querería pedir perdón por deixar parado o blogue durante un mesiño. Ese foi o tempo preciso para poder ir e vir ao País da Orixe do Sol, e poder contar agora tan fermosa experiencia (sen ánimo, iso si, de eternizarme).

Percorrín coma sempre na compaña de Ada, as cidades de Tokyo, Kyoto, Kamakura, Nikko, Nara, Fushimi-Inari, Koya-san, e Osaka. No seu conxunto Xapón era unha especie de quimera persoal que levaba ancorada en Ciutat un tempo e que puidemos enxergar xa desde principios de verán. Grazas, por suposto, a unha oferta de Air France para o mes de novembro, que facilitou e abaratou bastante as cousas.

Percorrida Cuba, que centrara grande parte dos nosos soños colectivos até o ano pasado. Hogano foi Xapón o destino acadado, e do que fico especialmente orgulloso.

Sería sinxelo e longo falar da historia, das cidades, dos templos, dos haikus, da caligrafía, ...Pero prefiro moito máis meterme nos detalles persoais da viaxe.

Sorprende de Xapón, desde o primeiro intre , a total disponibilidade da xente cara nós. É ben coñecido o sentido do respecto, do civismo, ou da amabilidade que teñen os xaponeses. Todo iso resúmese no adxectivo xaponés shinsetsu (amábel, bondadoso). Desde un konbini (unha especie de supermercado 24 horas que poboa Xapón de norte a sul) até un estación en hora punta. Todo o mundo destila amabilidade e civismo. todo funciona, e porén detrás diso evidentemente hai sacrificios persoais e de grupo. Iso ninguén o dubida. Pero nembargantes, cando un visita un país coma Xapón máis que seriedade atopa harmonía, amabilidade, mesmo simpatía, predisposición a axudar, honestidade. E iso, claro está, agradécese.

Pero si, no país onde todo funciona as rúas non teñen nome. Alomenos non todas, somentes as principais, pero co sinxelo que sería poñerlles número ou nome! Pois nada diso, en consecuencia é sinxelo ver aos gaijin (palabra coa que se designa aos non-xaponeses) perdidos polas rúas de Gion en Kyoto, ou na catastrófica Osaka abrumados polas autopistas contruidas unhas por riba doutras, etc. Pero velaí os tes a eles, dispostos a axudar. Completamente responsabilizados do que noutro país simbolizaría o teu fracaso persoal como turista. Asesoran, acompañan, animan e mesmo dan conversa e apoio moral cun : "Grazas por estudar o noso idioma!". E iso anima, provoca que todos os esforzos destinados a entender o idioma e cultura xaponesa teñan sentido, de golpe.

Fico tamén sorprendido polo sentido aberto que dispón a relixión (ou as relixións, mellor dito). Gocei da beleza dos templos en Kyoto, e dun par de xornadas no lugar de peregrinaciónde Koya-san (ou Monte Koya). Onde milleiros de xaponeses inician e rematan a peregrinaxe dos 88 templos de Shikoku (o Cuarto País). Gardo tamén a modo de fetiche un pequeno e fermoso libro de caligrafía que testemuña os templos visitados e que se cadra ensinarei as visitas que veñan por Ciutat.

Pola parte freakie do asunto, quero confesar que estiven a piques de mercar unha réplica da gorra con azas de Arale (a de Doutor Slump), e que si os maido's cafe existen e que as tendas de manga de Akihabara impresionan e non para ben (demasiadas frustracións sexuais feitas cómic). Está moi de moda que os homes leven bolso (este é un apuntamento que fago para as moreas de metrosexuais que siguen este blogue), que se maquillen e pinten o pelo. E que as mozas son unha especie de eternas lolitas, obsesionadas pola beleza feito que levou a proibir a maquillaxe dentro do metro de Tokyo.

Pero o máis freak entre o freak, é que hai un mito que é real no país nippon. Existe unha especie de refresco de uva e xelatina que é rotundamente delicioso, iso si, bastante pouco natural. Pero paga a pena, así que se alguén pasa por diante dalgunha dos milleiros de máquinas de vending que hai por alá (din que hai unha por cada catro xaponeses), mercádeo!


Esta é a primeira crónica dunha viaxe moi especial, e onde invertin moitas ilusións que foron rapidamente recompensadas pola bondade dos nippóns, que nos acolleron con moito agarimo. Adianto que tentaremos volver nun prazo duns dous ou tres anos, así que...

Jya mata ato de! Deica outra!

Amauta Castro
Girona, 27/11/09

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis