Palabras de Amauta

Sunday, December 28, 2008

GAZA, A UNIDADE POPULAR, E CIUTAT



A liberdade é a relixión definitiva
José Martí (pensador e mártir independentista cubano)

Paseo por Ciutat nestes días de retorno voluntario ao cotiá e vou atopando xentes amigas e historias que se recompoñen despois dos días de Cuba. A poucos metros dunha das pontes de Ciutat aparez un bo amigo meu e da causa do pobo catalán que me inquire sobre a Revolución Cubana con curiosidade. Despois de falar un tempo (un tempo deses que son excesivos precisamente pola falta do mesmo) concordamos na necesidade inaplazábel de artellar para a realidade na que vivimos un proxecto comunitario e participativo de entidade que solvente os recurtes democráticos que perseguen ás persoas do meu tempo e lugar. É dicir unha Unidade Popular.
E seica non é sinxelo, pero hai exemplos noutras latitudes (Chile, Euskal Herria, Ecuador, Bolivia, etc) nas que toda unha tradición opositora , sensibilidades e percorridos políticos aparte, decide unirse para derrotar ao principal inimigo. E velaí vai o noso esforzo, silente e convencido, de dotar aos nosos respectivos pobos dunha ferramenta ao servizo das clases populares, disruptora do pensamento asoballante e pegañento que non deixa libertar as azas das e dos que non temos culpa ningunha.
E o caso vai máis alá, cando días máis tarde atopo a un outro bo amigo arxentino a quen coñecín por causas vencelladas ao meu traballo e que vén sendo profesor de economía na Universidade de Ciutat. Comenta el que o rematadamente chamativo é a coincidencia de que por cousas/causas da vida este homiño estudara 5 anos n’A Habana e xusto agora (segundo me comentou) vai pasar un mesiño por Paraguay para valorar a situación do país e da nova inicitiva popular e antiimperialista de Fernando Lugo (o ex-bispo e presidente da República de Paraguay). Así que desexo sorte tamén por eses lares a este meu amigo arxentino que tamén non puido esquecer o necesario de artellar unha Unidade Popular como a de Fernando Lugo (Alianza Patriótica por el Cambio) para poder axuntar ás xentes que defendemos todo iso que debe ser de todos sen excepción. As tarefas da alfabetización tamén son necesarias no Paraguay recomeza e que pretende tomar camiños de seu neste novo século de espranzas latinoamericanas que agroman baixo o paraugas do ALBA.
E por último, un meu amigo palestiniano a quen baptizaremos co nome de Najat por motivos de seguridade persoal e que acaba de olver de Cisxordania cunha Hatta (pano palestiniano) como agasallo para min, cousa que lle agradezo cunha ponla de oliveira como se fora o Grande Patriota Árabe quen falara agora por min.Di que Ramalah esta a ser convertida por Israel e os USA nunha capital domeada polos intereses capitalistas que teiman en convertila en capital ilexítima de Palestina para esquezo dunha Xerusalem impenetrábel. Di meu amigo, que a súa dona tentou entrar a Xerusalem para o que precisou dun permiso de 4 horas (si, 4 horas) para facer un trámite na Embaixada de España en Xerusalem. Di que precisan inda ao Grande Patriota Árabe porque a Autoridade Nacional Palestiniana, que goberna Cisxordania, esta a se convertir nun grupo mafioso que se sostén grazas ao pulo económico da corrupción e que é por iso que Hamas está a ser atacada en Gaza (por ser quen de soster a resistencia desde a honestidade). Pero el, el tamén lembra a necesidade de acometer a difícil tarefa dunha Palestina libre a través da unificación dos intereses do pobo,dunha tamén Unidade Popular da xente, da irmandade limpa e construtiva dos que están a padecer a lacra xenocida do sionismo.
E iso foi o que aconteceu nestes días. Días nos que somos 200 persoas menos. Ou iso creo, porque tamén hoxe amencemos coa nova dun outro bombardeo sobre Gaza e poderían ser moitos máis. Percorrerán un día os meus pés os camiños que van de Ienín a Rafah por terras liberadas?


Amauta Castro

Girona, 28/12/08
amautacastro@hotmail.com

2 Comments:

At 4:49 AM, Anonymous Anonymous said...

Os teus ollos non miran, acreditan e dan fé; do mesmo xeito que iluminan as tuas palabras.

 
At 9:21 AM, Blogger amauta said...

Quen lea iso pensará que ou te flipas ou somos familia...
Grazas irmán! Bo ano!

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis