A SOLIDARIEDADE DE CADA DÍA
Son moitas as veces nas que penso en pararme a reflexionar un átimo diante desta bitácora pero son poucos os momentos axeitados. Neste caso, a semana aconteceu entre necesidades solidarias que penso non alleas á liña seguida polas palabras que veño deixando por estas páxinas desde hai un par de anos.
Primeiro foi Cuba, a Illa da dignidade, que malia ter un sistema casesque perfecto de evacuación en caso de furacáns, padeceu a ira de tres deles consecutivamente. Dáme proba dos bos dispositivos para a seguridade civil neste tipo de casos un amigo de "vacacións" na illa (que penso que tivo máis ben poucas vacacións por este mesmo motivo). Pois ben, o sistema de protección e evacuación funciona pero semella que hai algo contra o que xa non se pode loitar desde o socialismo cubano. A desfeita das colleitas e das infraestruturas deixou a illa cunhas perspectivas un tanto coutadas pola desfeita de tres furacáns seguidos. É por iso, que facendo gala da solidariedade de cada día eu penso aportar inda que sexa un par de patacos a unha das contas abertas para axudar a Cuba. Semella cousa de coerencia persoal e mais de razoábel urxencia. Fago público que tamén, que a viaxe que Ada e mais eu temos pendente a Cuba non vai ser distinta nin vai deixar de ser por mor destes "pequenos problemas", é máis, aproveito para recomendar facer turismo por esas terras de rebeldía.
Por outra banda, adianto tamén o meu total respaldo aos encausados e xulgados e condeados membros de Askatasuna-Gestoras. A miopía dos xuices a Audiencia Nacional pensa que a solidariedade coas cadeas e coas persoas presas vai desaparecer por cousas tan leves coma eses mecanismos de represión que exercen. Non fai falla ser moi listo para pensar/saber que as propias familias (e amigos) dos que agoran encadean refarán dalgunha forma (lícita ou non) unha organización de apoio a presos bascos e se non ao tempo.
Engado tamén que a ilegalización de ANV e EHAK, malia non ser especialmente sorprendente, non deixa de ser menos patética, vulgar, nociva e de gusto máis ca dubidoso. O caso é que os resortes da Lei de Partidos (lembremos que na votación do Congreso dos Deputados o BNG votou absténdose) semellan aplicarse só nun sector xeográfico concreto e como ben din distintos responsábeis da vida institucional basca, non colaboran en exceso coa normalidade social do seu país. Non había que ser moi listo para saber todo isto, non si? Claro que, cando a palabra fica proibida a min (e a outros coma min) non se nos ocurre nada máis ca unha forma política de loita e non é precisamente a máis fermosa pero si necesaria (repetimos, cando a palabra é proibida/silenciada/esmagada).
Cambiando de hemisferio, Bolivia tamén esta a precisar do máis fondo respeito internacional e da máis concreta e precisa solidariedade. Chégame grazas ao meu irmán Turonio, unha misiva dunha amiga nosa que anda en tarefas de cooperación en Bolivia e que semella vivir moi de perto o racismo e a violencia social instigada polo imperialismo. Desde aquí tamén o meu recoñecemento á tarefa de Evo, dos cooperantes, e das camadas indíxenas que estan a sofrir a violencia imperialista vestida de autonomismo. Felicito tamén as intelixentes (inda que socialdemócratas) medidas levadas a cabo por Chile para recoñecer a posición democrática do Presidente Evo Morales. Desta vez a Bachelet non o fixo mal de todo, quero precisar que só desta vez.
Fechando esta crise, "yanquis de mierda váyanse al carajo", quero dicir que todas as tentativas de deixar en evidencia a Hugo Chávez por estas palabras quedan literalmente anuladas cando a candidata republicana á vicepresidencia dos USA, Sarah Palin, coloca no seu punto de mira unha posíbel situación de guerra con Rusia en caso de ataque a algún aliado da NATO. Estámoslle moi agradecidos á señora Palin, tanto eu como o conxunto da Humanidade visto que un hipotético confronto entre potencias sería de todo destructivo. Pero esas declaracións non xeraron nin a metade de titulares que as de Hugo Chávez. Dámoslle porén as grazas á señora Palin e ao monólogo mediático dos poderosos.
Velaí a solidariedade de cada día. A miña, a de moitos outros e tamén a da futura maioría dos pobos deste mundo posíbel que esta a agromar. Saudos cordiais.
Amauta Castro
Girona 21/09/08
Conta corrente de solidariedade con Cuba en Galiza
CAIXA NOVA
2080 0522 9 8 0000008803
2 Comments:
Ah, o verbo aceso de Chávez...
Un é plenamente solidario coas túas solidariedades, anque penso que Evo tiña que ser máis duro en Bolivia, unha vez que garanta o sometemento dos milicos ao poder civil (non en van, o exército boliviano é o máis golpista de América, que xa é dicir). O único discurso que entende a dereita contrarrevolucionaria é, para ben ou para mal, o terror.
Agradecido polo comentario, benquerido Fra Vernero.
Certo é que o exército de Bolivia é hiostoricamente o mías golpista de América Latina. Iso faime pensar que o feito de que Evo estea xa dous anos no poder sen golpe algún ten xa un mérito importante.
Do verbo de Chávez, non vou dicir que non goste...
Saudos!
Post a Comment
<< Home