Palabras de Amauta

Sunday, August 03, 2008

ACTO POÉTICO I: LUME



Nestora imponse un bosque sistemático, como son sistematizadas
as potentes i esquencidas enerxias fluviais da Galiza
(Otero Pedrayo, Ensaios, 1965: 175)


I

Somos a seiva cremada no chan das dúas algalias
verniz na escaleira de pedra que se derrete
Somos pináculo en ascenso do lume que prendeu agosto
Cognición requeimada-secular do que tivo de certo Antioquía
Somos parte colectiva da afonía que consinte a impunidade e nembargantes
existimos poboando a desgraza



II

Arnal a terra arxentaba a derrota en cinsa
montes abaixaban co estrondo escintilexante dos rostros feridos as fontes
particularmente elas na derrota manancial petróleo-inverno-emigración-lume
extinción das palabras serpe candeal como fervenza morta
porque morremos sen intre e difusamente se nos entrega

Escoito o incendio sen condición definitiva de epílogo á dolor
pois séculos agardan


III

Aboiaban no ar feixes de aspectos volátiles
a fraga namorosa requeimaba no esforzo solar dos Eoas
Eses aspectos mentados demostraban episodios antitéticos á cultura forestal indíxena
que de Oia a Morgadáns
laiaba os estreitos cavorcos devorados pola man ominosa do absurdo
laiaba o rincho das eguas abrasadas no vento que transportaba as lapas
co codeso ardente e a carqueixa incinerada

Un verso:
Será deste mundo o frémito humano das bouzas calcinadas?



IV

A estepa negra remexerá o tormento para amestrar morcegos
as terras serán pavimentadas e do certo quedará a ruína e entón
dos callóns desecados virá a erma braña e xa
Aterrarán os paxaros nesta ponla ausente?

Que dos poentos rochedos erga o outo souto e a caeira
que desta carta agromen carballos
e se poder tinta
nas bágoas por estas fragas fulminadas
Aterrarán os paxaros nesta ponla ausente?


V

Escoa a fumarola do restroballo en noites de ruada
e gadañas que das toxeiras prenden culpábeis
tan claros culpábeis coma os sintagmas nominais que suceden
economía da barbarie ON/off
prospección urbanística “Vista Alegre”
transformación forestal cocaine discharge e os outros
e os outros tamén culpábeis

Son as antidialécticas condicións perpetuas da terra
onde a tan antiga pedra é feble ao moucho
e a touza treme ao lostregar na tebra a man furtiva


EPÍLOGO

Ela poderosa aurora que fía na roca imperenne e negra
Ela un despois mudo pescudando nas buracas de Qana
Ela quen de conversar na montaña inversa do abismo
Ela muller de agosto illó vermello no que esgazar as labaradas
e tratarlle de espranza ao ruído

Ela
dille ao vástago

Pretenderon queimar as nosas conciencias
e sementar solpores e demos e coitas
no xardín dos verdes castros que de súpeto
será redimido
Por Amauta Castro
en Antoloxía Poética da Diáspora Galega
Girona, 04/08/08

4 Comments:

At 5:27 AM, Blogger Amarantear said...

Múdame o escenario,
sigo a lerte.

 
At 2:24 AM, Blogger mesmante eu, said...

eu tamén te sigo a ler, grazas polos ánimos ;)

bicos
eva

 
At 8:53 AM, Anonymous Raida said...

obrigada polos comentarios

nós tamén navegar!

saúde

 
At 3:27 AM, Blogger amauta said...

saudos!

Grazas polos comentarios, pero eu non chego nin á creatividade da doRoxo, nin á elegancia fugaz de raida, nin á velocidade do son da miña amiga valldaurenca!

Recordos!

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis