REFLEXIÓNS LINGÜÍSTICAS
A catedral de Antuerpia(?), Groenplaats, Antuerpia(?)
Ando nestes días pegañentos do agosto mediterráneo a cavilar nun par de cuestións lingüísticas que por pequenas non deixan de ser dificilmente solventadas.
Hai tempo xa que o topónimo da cidade flamenga de Antwerpen (en lingua neerlandesa) é froito de pensamentos varios no meu crebado intelecto. Como galeguizariamos tal topónimo? Manter a forma flamenga Antwerpen non sería correcto visto que o “w” non forma parte do noso curto alfabeto románico. Por outra banda, en portugués (as distintas guías en lingua lusa así o acreditan) a palabra viría sendo Antuérpia, quer dicir unha transformación da palabra neerlandesa. Mais por outra banda, en lingua catalá (referente tamén no que se refire a neoloxismos, adapatacións e toponimia varia) óptase por Anvers, tal e como se di en lingua francesa. Deixamos por suposto que o Institut d'Estudis Catalans seleccionou unha opción máis románica do que poderían ser as dúas anteriores pero, que carallo, imos nós aceitar as ínfulas xacobino-francófonas sobre un topónimo dignamente flamengo? Por outra banda, os cataláns teñen o grande “mérito” de usar o topónimo “La Corunya” (eles discrepan e sosteñen que en catalán se di así, pero isto me ten levado a máis dunha rifa tendo en conta que en catalán manteñen os topónimos bascos en lingua basca). A posibilidade de Amberes queda totalmente descartada xa que é usada en exclusiva pola lingua da estepa mesetaria. Queda no ar pois, Antwerpen, Antuerpia, ou Anvers? O meu corazón tira por Antuerpia inda que non con grande convicción.
A segunda cuestión que non se escapa da miña pugna mental é a que segue. A lingua xaponesa consta de tres tipos de alfabetos (por chamalos dalgunha forma, inda que propiamente non o sexan). O primeiro deles o hiragana, o segundo que sería katakana ideado na idade meia e usado por nobres pero que evoluiu cara os estranxeirismos, e os kanji un conxunto de 5000 ideogramas que proveñen da lingua chinesa pero que non teñen a mesma correspondencia fonética nin significados idénticos aos do chinés (que usa uns 50.000 ideogramas). Ben, para a mellor comprensión dos mesmos, da combinación de hiragana, katakana e kanji, hai un sistema de romanización que se basea na fonética dos idiomas latinos e mais do inglés que se chama “roomayi” ou “hebon siki” por ser ideado polo lingüista anglófono Hepburn. Este sistema está considerado o sistema internacional de romanización do xaponés e porén é o máis estendido no mundo. Pero, a miña curiosidade apátrida e globalizante levoume a distintas páxinas de estudo da lingua xaponesa no Brasil. Estas interesantes páxinas dan cobertura á importante comunidade brasileira emigrada no Xapón e ás súas problemáticas de integración lingüística. E velaí o problema, eles usan un sistema de romanización moito distinto do que o “roomayi” ou “hebon siki”. Debo pois como galego utilizar o sistema brasileiro por proximidade idiomática á miña lingua materna? A resposta é complexa. Trasladarnos aos mundo de lilliput e usar o sistema brasileiro (utilizado só por eles pero máis adaptado á miña lingua) ou pasarnos ao sistema internacional ou “roomayi”, por outra banda inspirado nas linguas latinas que tamén non che está mal.
Cousas do intelecto e da letra que non por elevadas son menos proletarias. Arreneghado sexa o demo!
Amauta Castro
Girona, 24/08/08
amautacastro@hotmail.com
5 Comments:
Os mariñeiros da Coruña teñen as súas propias denominacións de cidades e accidentes xeográficos do mundo. A Cape Town, en Sudáfrica, chámanlle Capetón; e a Antwerpen chámanlle Antuerpe.
Poida que non sexa oficial, mais sería a forma galega máis autóctona, pois foi creada polos propios galegos logo de escoitaren a orixinal.
Un saúdo desde Os mares de Irlanda!
Agradecido polo sincero e rápido comentario.
Honra e mais gloria para os fillos de Breogán.
Saudos!
Eu teño as miñas duas opinións, unha máis firme que a outra: O nome en galego é Antuerpen mira:http://gl.wikipedia.org/wiki/Antuerpen
a wikipedia.
E por outro lado... eu latinizaría só como apoio ao idioma, co cal non o consideraría unha opción valida de escritura senón unha anotación persoal e altamente informal. Se o meu mestre me aprendese en brasileiro ou galego faríao nese modelo pero senón cinguiríame aos camiños que mellor explorase o guieiro da travesía. É mui arriscado comezar novos camiños sen ter demasiadas luces. De todos xeitos, unha dúbida mui interesante.
si, perfectamente dacordo no segundo. A romanización só se utiliza para dar facilidades aos alunos que (coma min) inda non dominan os ideogramas (lembro que son 5000).
Por outra banda, sigo a preferir Antuerpia. Pero sen categorizar demasiado.
si, perfectamente dacordo no segundo. A romanización só se utiliza para dar facilidades aos alunos que (coma min) inda non dominan os ideogramas (lembro que son 5000).
Por outra banda, sigo a preferir Antuerpia. Pero sen categorizar demasiado.
Post a Comment
<< Home