Palabras de Amauta

Monday, August 27, 2007

ALOFONÍA CATALÁ DE CUNQUEIRO (2+1 POEMAS)




“Como si a luz fixera un redondel branquísimo no escuro. Eu vou entrando nil e poñendo verbas, verbas. Cando xa me sinto eu todo naquela mesma luz, van saindo outras verbas diferentes, cáseque un mundo. Iste é o poema.”

de Autopoética e poesías 1935, Álvaro Cunqueiro

Malia ser o galego lingua de expresión poética case única para Cunqueiro, quero deixarlle ao lector proba dun notábel experimento alofónico que acontece na idade máis temperá do Cunqueiro poeta.
Ocupa o mindoniense, penso eu, un lugar certamente abstracto na poesía galega por non ser acreedor nin gardián de postura manifesta algunha entorno aos seus pareceres literarios. E é esta fonda subxectividade a que dota dun grande aceno de rutura á poética cunqueiriana de ante-guerra. Sincrético, vangardista e moderno, ten unha certa capacidade de reacción contra o seu propio contexto literario, unificando claridade cunha dose de dinamismo que percorre o sotarrego da súa escrita.
Contextualizando dicía, a poética do Cunqueiro previo á visita a Barcelona (1934) ten como fío as tres grandes obras cunqueirianas de pre-guerra: Mar ao norde, Cantiga nova que se chama riveira e Poemas do si e do non.
Comeza Cunqueiro pois, a marcar no seu devalar poético, unha traza de seu que xa o distingue entre os poetas ibéricos. Nominación, elementalidade das rimas, hermetismo, anáfora, lonxanía verbal, grande lóxica semántica, unha fasquía popular de verquinte galego-portuguesa que tan bo resultado semella darlle en Catalunya, e unha expresión temática mareira inspirada quizabes en Manoel-Antonio.


VISITA A BARCELONA, 1934


É no ano 1934 cando María Luz Morales Godó, coruñesa e redactora de La Vanguardia na época, quen dá a coñecer en Barcelona aos poetas galegos nunha conferencia ofrecida a Amics de la poesia (círculo que axunta aos principais poetas cataláns da época e do que María Luz Morales é partícipe).
Tal foi o calado da mesma que o galegófilo catalán Tomàs Garcés (home xa relacionado con Risco e que tiña un coñecemento da realidade galega absorvido desde a xanela de Nós e A Nosa Terra) publica na súa coluna de La veu de Catalunya un interesante artigo titulado Poetes de Galícia. Garcés, co-director de Quaderns de Poesia e María Luz Morales son os que propoñen a exitosa entrada de Cunqueiro na axenda lietraria catalá. E é xa no ano 1934 cando Cunqueiro publica dous poemas en galego no nº3 de Quaderns de poesia (“Reiseñor do meu silencio fonte” e “Cervo ave feliz”).
Definitivamente, Cunqueiro visita Catalunya convidado por Carles Riba en nome de Amics de la poesia, nunha tribuna de prestixio pola que xa pasaran Valéry, Eluard, Salinas, Lorca, etc; e atraído tamén pola idea de normalización cultural de Catalunya. Le daquela varios poemas en galego e dá unha charla para o colectivo catalanista Palestra sob o título “El actual movimiento galleguista”. Esta famosa visita ten como telón de fondo unha exposición de Manuel Colmeiro nas Galeries Laietanes, e un proxecto que agroma, un especial de Quaderns de Poesia sobre poetas alófonos, que inclue daquela un dos poemas cataláns de Cunqueiro.
Cunqueiro, asiduo lector de catalán, entra en contacto cos que serán futuros colegas e amigos (caso de Nèstor Luján ou Joan Perucho). Pero é o devandito Tomàs Garcés con quen Cunqueiro traba amizade de por vida e traballo conxunto. Boa proba é a recíproca correspondencia, a inclusión de Cunqueiro na escolma Deu poemes gallecs (1954) -tradución realizada co esforzo persoal e económico de Garcés-, e a colaboración de lingüística do propio Garcés nos 2+1 poemas cataláns de Cunqueiro.


2+1 POEMAS CATALÁNS


Cunqueiro deixounos 2+1 poemas en lingua catalá. Dous coñecidos integramente na súa dimensión catalá e un aparecido nunha carta, e do que existe unha máis que probábel readecuación ao galego.
O primeiro deles é coñecido como Cantiga Catalana que o autor adica ao propio Garcés e que ten trazos neotrobadorescos. Aparece publicado en novembro de 1935 no nº4 de Quaderns de poesia, que levaba o título de La musa políglota e que se inicia cun dos poemas galegos de Lorca.
O segundo é La nit es bruna, adicado a Josep Carner e inédito até 1991, cando Filgueira Valverde publica da man do Consello da Cultura Galega os autógrafos que lle foran enviados por Cunqueiro co gallo da inacabada Antoloxía Consultada da Poesía Galega na que Filgueira estaba a traballar antes da Guerra e que non chegou a ver a luz dos prelos.
E unha terceira e singular composición catalá, La cançó del rossinyol de la mort cruel que chegou até os nosos días nunha carta que Cunqueiro dirixe a Garcés e da que temos coñecemento polo profesor Alonso Montero. Nela Cunqueiro comunica a Garcés a necesidade de que se lle envíe desde o Principat unha gramática e un dicionario (cita propiamente o de Fabra) e esboza un dos supostos seis poemas que xa ten escritos en lingua catalá. Deles pouco se sabe (amáis desta mención na carta), e dos que di “agarda chegar a dez”. A carta data de 9 de xaneiro (intuese de 1936 xa que coñecemos que a amizade entre Garcés e Cunqueiro data do 1934 e a publicación de Quaderns de poesia nº4 de novembro de 1935).
Nesta caso, o terceiro poema expónnos un novo debate: é tradución do galego ou trátase dun orixinal catalán? Nembargantes, o debate enfeblece xa que en 1936 publícase Nenia. Tres pequenas versiós tristes de Rosalía de Castro. Antonio Nobre, Enrique Heine. obra na que o terceiro poema de Nenia e a “Cançó del rossinyol” semellan ser a mesma composición por conservaren ámbalas dúas o léxico e estruturas galegas do poemas atopado na carta.
En conclusión, se o mar onde se asentan as illas é o mar do noso soño, Cunqueiro ha ter algunha das súas mil primaveras ancorada nas Drassanes de Barcelona ou nos cons das Illes Medes. Insubmiso á valoración mesetaria do seu verso eu poño ánima e unha illa louvada na razón do seu inxenio. Mais eiquí as choivas...


Amauta Castro
Girona, 28/08/07

BIBLIOGRAFÍA UTILIZADA:

Alonso/Avenoza (1998); Xesús Alonso Montero e Gemma Avenoza, Dous poemas en catalán de Álvaro Cunqueiro. Madrid, Servicio de publicaciones de la Universidad Complutense, nº1 Revista Madrygal, 1998

Cunqueiro (2004); Álvaro Cunqueiro, Mar ao Norde, Cantiga nova que se chama riveira, Poemas do si e do non (poesía 1932-1933). Vigo, Galaxia, Biblioteca Álvaro Cunqueiro, 2004

Cunqueiro (1991); Álvaro Cunqueiro, Autopoética e poesías –1935- Autógrafos e inéditos de Álvaro Cunqueiro. Compostela, Consello da Cultura Galega.1991

González (2004); Helena González, A “Galicia, verde fantasma” de Tomàs Garcés. Exotismo e tradución. Vieiros: barcelona, sumario de xerfa, 2004

Méndez Ferrín (1984); X.L.Méndez Ferrín, De Pondal a Novoneyra. Vigo, Xerais, Universitaria, 1984

Rodríguez Fer (1989); Claudio Rodríguez fer, Poesía Galega: Crítica e metodoloxía. Vigo, Xerais, Universitaria, 1989

VV.AA. (2001); Carlos L. Bernárdez (coord.), Literatura Galega Século XX. Vigo, A Nosa Terra, Historia de Galicia (monografías), 2001

VV.AA. (2003); Jordi Cerdà, Víctor Martinez-Gil e Rexina R. Vega (Eds.), Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas. Sada, Ediciós do Castro, 2003


TRANSCRICIÓN DOS POEMAS CATALÁNS DE CUNQUEIRO


A ANOMENADA “CANTIGA CATALANA”

Paradis, Enlloc
l’aigua es flor
i l’ànima em roba
mon amor!

La mar es encara una noia nova
i per cims d’Enlloc seu cos s’enfonza
mon amic!

El veler es un roser florit
i el vent nou una fletxa d’or fi
mon amor!

Ocells refilen sota el cel d’Enlloc
que es un mon blau de suau remor
mon amic!

Aigües dels rius de la verde riba
veniu als arbres del Paradis! us crida
mon amor!

Enlloc, Paradis
ferit m’he vist
de flors el pit
mon amic !

a Tomás Garcés

“LA NIT ES BRUNA”

La nit es bruna
Tres estrelles son tres
i l’alosa es una

L’alosa es poncella
no se si fruita
no se si estrella

L’aire ha dit
que l’aigua i la rosa
l’han adormit

L’aigua ha cantat
que l’aire i l’alba
l’han despertat

Qui tingui amor
qui vinga aquí
donar la flor !

a Josep Carner

“LA CANÇÓ DEL ROSSINYOL DE LA MORT CRUEL”

DISCURSO


Sento els seus ulls parlar sota las llunas
Entremitg de las cérvolas feridas
sota las llunas sento els seus ulls parlar
sento els anelles d’or i el capdell de les ombres
sento ferres i soletats, llanças sonoras.
Sortint del cel ha mort la branca nova.
Aquesta es la cançó del rossinyol de la mort cruel


REELABORACIÓN EN “NENIA.TRES PEQUENAS VERSIÓS TRISTES DE ROSALÍA DE CASTRO, ANTONIO NOBRE, ENRIQUE HEINE”

Enrique Heine
Sinto os seus ollos falar baixo das lúas
Entremedio das cervas malferidas
baixo das lúas sinto os seus ollos falar
sinto os colares de ouro i-o novelo das somas
sinto ferros e soedás lanzas sonoras
Saindo do ceo finóuse a ponla nova
Tres cabalos lle galopan o peito

Un leva a frol
outro a canzón
i-o mais pequeño
o seu corazón!

Ista é a canzón do reiseñor da morte crudel

3 Comments:

At 4:12 AM, Anonymous Anonymous said...

Agora que ando a preparar unha maleta para mudarme por nove meses a Barcelona agradezo estes poemas e disfruto con eles.
Saúdos

 
At 4:19 AM, Anonymous Anonymous said...

O de compartir nome non é casual...trátase de que en Compostela sempre quede unha...para disfrutar desas marabillosas rúas!

 
At 11:30 PM, Anonymous Anonymous said...

Grazas polos vosos comentarios...
Antía, xa verás como no País Catalán as cousas refan fermosas como se souberan o futuro que agarda en cada nota de irmandade.
E para a de loureiro só compartir a súa poética co devezo dunha lingua liberada...
Saudos e para calquer cousa

amautacastro@hotmail.com

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis