Palabras de Amauta

Monday, February 11, 2008

THEO ANGELOPOULOS / ELENI KARAINDROU



Dixo Theo Angelopoulos nunha conferencia realizada en Barcelona a finais de 2004 que todos vivimos nunha especie de presente continuo onde mesturamos pasado, presente e futuro, razoabelmente. Eu quero crer que a través do seu cinema vivín unha especie de experiencia de continuo tránsito no presente.
Explícome. No ano da estrea no Estado Español do filme “A eternidade e un día” (penso que 1999), eu visitara o seu filme un día venres de novembro na capital nacional, dígase Compostela. Lembro que fora venres porque fixen entrada no Cineuropa (no Teatro Principal) cun enorme macuto. O efecto da película foi total (malia descoñecer daquela o conxunto da triloxía na que se encadra “A eternidade e un día”). A interiorización dese modelo de tránsito foi unha plenitude léveda que sempre se manifesta en min nunha especie de colapso temporal posterior ao impacto artístico.
Interiorizara digo, toda a poesía do filme, a capacidade discursiva do guión (compartillado por Tonino Guerra, o Grande, e Theo Angelopoulos), e o leitmotiv sonoro de Eleni Karaindrou. Eleni, familiaricémonos con ela, era unha total incógnita para min. Lembro que saín da proxección coa tremenda tristura de non poder ter apuntado o nome da compositora. Ese descoñecemento acompañoume varios anos, case até hoxe. Cousas da técnica, acadar estes nomes é sinxelo grazas á rede de redes ou a poder ver os créditos desde casa nun DVD. O caso, foi que levei no meu interior esa prezada música argumental que Angelopoulos situara, moi ao xeito d’A Pacifista de Miklos Jancsò, no cerne do filme. Tempo despois do meu achádego co nome de Eleni Karaindrou, nunha pequena tenda de Girona atopei a banda sonora orixinal desta triloxía e varios concertos de Eleni karaindrou. A tenda, especializada neste tipo de músicas do mundo, chámase precisamente Musica Mundi. O dono da tenda viuse moi sorprendido pola miña reacción ao atopar os cd’s. Non cheguei a artellar palabra ningunha cando el dixo: “si, é a autora das bandas sonoras de Theo Angelopoulos”. Pola miña banda, fun directo á caixa sen dubidalo e comenteille o sucedido. A palabra dese pequeno comerciante experto foi: “é sinxelo interiorizar a Eleni Karaindrou, leva con ela unha grande malenconía”. E deixo a palabra malenconia por semellanza co catalán.
Se cadra, os momentos temporais aconteceron cunha serie de cruces, de solapamentos azarosos. Igual que o que relata Angelopoulos escudado na música malencónica de Eleni Karaindrou. Nese intre no que se fecha o círculo de temporalidades para darlle razón á vida e aos ciclos nos que nos situamos os humanos.
Sen máis, fica aquí esta miña recomendación. A contemporaneidade co fragor malencónico de Eleni Karaindrou. Toda una reconstrucción para o futuro dos sons.

Amauta Castro
Girona, 12/02/08

amautacastro@hotmail.com

1 Comments:

At 9:43 AM, Blogger a.ma said...

Sempre ocorre, o que debemos escoitar ou ler aparécese despois dun tempo, agarda por un, se calou e non lle adicamos a atenciòn suficiente. Saúdos!

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis