Palabras de Amauta

Thursday, October 18, 2007

VIENNA SEZESSION




Sulcando polos camiños de ferro que percorren o meu particular mitteleuropa, marco eu un tremendo e prezado episodio na Viena que vermella e lenturenta comeza arestora a repensarse na modernidade e no tempo.
Cómaro de marfín e terra outoniza vou canda ela (Viena sempre perfecta) exhumando o paradiso de celuloide, dígase tamén O Terceiro Home (1949, Carol Reed), e o sabor dos cafés noitarengos-pétreos acompañados tamén polas sombras dos borsalinos tralos retrincos da cidade. E iso é precisamente o ballet dos días escolmados, recollidos entre as rúas sinfónicas acougadas entre o zunido convexo das cordas da viola da gamba e o ceo. O ballet das augas turbias dos estanques, o ballet do río extenso e sinuoso, o ballet das cancións humanas que transitan o suburbano tremendo que en expresión e feitura semellaba férreo cruceiro da profundidade.
Daquela, comecei a entender o discurso rompente da Cidade. Como crear a decadencia dela propia para afiar o seu lamento?
Recoller Viena nun intre de rutura, nunha paixón dourada e ardente como arriscando as sensacións doentes a semellar cautivas no silenzo. Recoller Viena nun ensaio de Otto Rank, nun edipo mal-nacido perto da rabia dispada do ouveo radiofónico de Ingeborg Bachmann.
Velaí as formas de permanecer neste tránsito continuo co que visito habitualmente a vida na compaña dos espazos cubertos pola Cidade.

amautacastro@hotmail.com
Girona, 18/10/07

2 Comments:

At 1:58 AM, Blogger a.ma said...

Non coñezo Viena. Só unha feita en branco e negro que cabe nunha pantalla de cinema antigo e pouco visitado. Construína hoxe á miña medida grazas as túas sonoras e evocadoras verbas. Fermoso xeito de viaxar paseniño, soletreando o camiño nin imaxinado.
Bo escribir, Amauta.

 
At 4:15 AM, Anonymous Anonymous said...

Grazas e benvid@ amarantear, só agardo que gostaras...O resto fíxoo a cidade...Saudos!

 

Post a Comment

<< Home

Estadisticas y contadores web gratis
Estadisticas Gratis
Estadisticas Gratis