NOVONEYRA CADA DÍA
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEj1X4WJT25RmvyfwMAZF9sI_wS0OLL3A2UWIkGC6l7SyoQ1kbqHLl5rMdwyZESXiQjIkZVKPadQjYky9TVrkku8S7eKbKWM6JaIwZoCpvj2fPnCNKnfJevP2HUsdxBj1FUtGL9u/s400/uxio_novoneyra.gif)
Pode que nas camiñadas poéticas polas que devala o meu feble intelecto, Uxío Novoneyra teña un terreo de seu, un eido de avoengo patriótico e fe sincera na xustiza social requerida.
Novoneyra chegou a min polos camiños inversos que van de Compostela ao Courel por terras liberadas. Quero dicir, que cheguei á súa escrita a través dunha defensa explícita do meu ser urbán e nacionalista.
É sinxelo, hai tempo, cando eu inda contaba os anos cos dedos das mans, descubrín a poesía da Xeración Beat (case podería dicir que foi trala morte de Ginsberg). Acto seguido, nunha época na que agromaba o meu ollar espelido e unha necesidade xa perenne polo coñecemento, merquei o Howl (O ouveo, en edición bilingüe). Despois chegaron Kerouac, Ferlinghetti, Corso, Burroughs, e Uxío Novoneyra. Novoneyra si, cos seus versos sinxelos e as rapsodias casesque védicas retratando fidelmente a destrucción polo home e o imperialismo. Novoneyra, revisitado e requerido por un aldeán do xigantismo afásico das cidades, nestora tan proletarias como a caverna invernal dos versos do Courel.
Eu non vin dicir un serodio adeus a Uxío Novoneyra. Vin recoller na miña escrita, se for posíbel, o poder megalítico do seu seo poderoso, dese terreo sinfónico que esperte os meus sospiros acó, tan lonxe, onde se paralisa o silenzo.
I estes brazos inda son aqueles
que sosteron no souto a cabeza dos soños?
de Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras, Uxío Novoneyra
amautacastro@hotmail.com
Girona, 01/08/07
0 Comments:
Post a Comment
<< Home